Nota de prensa
O PP NEGOUSE A APOIAR NINGUNHA DAS EMENDAS PRESENTADAS POLO BNG MARIÑAO AOS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2011
O Plan funcional do Hospital da Costa e a súa ampliación ou o incremento de partidas para a VAC San Cibrao- Ferrol xa non son prioridades para o PP
Veiga acusa aos dous parlamentares mariñaos do PP de poñer por diante os seus intereses particulares dos da cidadanía á que representan.
A Mariña, 10 de decembro de 2010. O BNG criticou a negativa do Partido Popular a apoiar unha soa das emendas presentadas polos nacionalistas mariñaos aos orzamentos da Xunta de Galiza para 2011. O Responsábel e Portavoz Comarcal dos nacionalistas, Antonio Veiga, acusou aos dous parlamentares mariñaos do PP, José Manuel Balseiro e Enma Álvarez, de “poñer por diante os seus intereses persoais dos da cidadanía á que representan; Balseiro cansouse de esixir ao bipartito cando estaba na oposición e agora que lle toca ao PP gobernar as partidas económicas destinadas á Mariña non paran de minguar”. Veiga acusou ao PP de poñer negro sobre branco a súa axenda oculta para Mariña que pasa pola parálise e o recorte nos servizos sociais e sanitarios na comarca mediante a súa progresiva privatización e desmantelamento e puxo como exemplo a Residencia da Terceira Idade de Viveiro, o Hospital da Costa, ou a ausencia de investimento noutros equipamentos sociais que ademais son evidentes focos de xeración de emprego tan necesitado na comarca.
Os orzamentos da Xunta para 2011 van verificando que o PP ten unha axenda oculta para a comarca que se executará ao completo despois das municipais.
A negativa sistemática do PP a apoiar ningunha das emendas presentadas aos orzamentos da Xunta para 2011, pon “negro sobre branco parte da axenda oculta que o PP ten reservada para a comarca despois das eleccións municipais”; Veiga enmarcou nesta política “a negativa dos representantes do PP no Parlamento a apoiar emendas para o Plan Funcional e ampliación do Hospital da Costa, que forma parte da estratexia de ir desmontando os servizos sanitarios na comarca para a súa posterior dependencia de Lugo e a privatización dos seus servizos”. Na mesma liña está a negativa a dos representantes a apostar polo mantemento e creación de servizos sociais, “desprezando xa con reiteración a moitos veciños e veciñas” que demandan servizos sociais públicos e de calidade que o PP ou non pon en marcha e privatiza, caso da residencia de Viveiro, ou non crea, caso da residencia de Foz ou o centro de alzheimer de Ribadeo.
Balseiro está mais preocupado por manter o chofer e a cadeira do Parlamento que polos intereses dos seus veciños e veciñas.
Antonio Veiga, criticou a cara dura dos populares que dan as costas aos intereses do conxunto da cidadanía mariñá, “votando sistematicamente en contra de todas as emendas presentadas e poñendo por diante os seus intereses particulares por riba dos intereses do conxunto da comarca”; Veiga acusou ao parlamentar popular, José Manuel Balseiro de “traizoar aos veciños da Mariña xa que o seu voto foi dirixido a aguantar a cadeira do Parlamento e o chofer particular e non para beneficio dos seus veciños e veciñas”. O nacionalista “lembrou que cos votos dos dous parlamentares populares mariñaos no Hórreo sobraban para mellorar estes orzamentos, mais diante do visto, a cousa e a causa mariñá non é o que move a estas persoas”.
O PP tampouco quixo apoiar a aposta polas infraestruturas de comunicación como medio para xerar emprego.
Os nacionalistas tamén fixeron fincapé na ausencia de medidas xeradoras de emprego, “mentres a Mariña segue incrementando as taxas de desemprego”, Veiga aclarou que nin a VAC San Cibrao- Ferrol, nin o eixo de conexión coa A8 dende A Pontenova, Riotorto e Mondoñedo son prioridades para o PP e desto deberían tomar boa nota os veciños destes concellos mais tamén todas as persoas que se atopan en situación de desemprego; “neste momento e imposíbel xerar emprego sen o impulso da administración pública e aquí o PP tampouco está pola labor”, rematou Veiga.