Nota de prensa
O debate tivo lugar esta mañá na Comisión de Industria, Enerxía e Comercio do Parlamento de Galicia
APROBADA UNHA INICIATIVA DO PP NA QUE SE RECLAMA AO ESTADO QUE OUTORGUE AS AXUDAS ESTATAIS PARA AS PREXUBILACIÓNS DOS TRABALLADORES DESPEDIDOS EN SARGADELOS
o A iniciativa prosperou cos votos dos deputados populares e contou coa abstención dos nacionalistas e o voto en contra do PSOE, estos últimos mudaron o seu voto de modo contradictorio ao que mantiveron no pleno municipal de Cervo
o O Goberno do Estado outorgou estas mesmas axudas a traballadores de dúas empresas galegas que se atopaban en situacións idénticas a Sargadelos: a viguesa Autos Valeo e a coruñesa UNICEM
Santiago, 17 de decembro de 2010.- No seo da Comisión de Industria, Enerxía e Comercio do Parlamento de Galicia aprobouse hoxe unha iniciativa do Grupo Popular pola que se lle insta ao Goberno do Estado a outorgar as axudas estatais para as prexubilacións dos traballadores de Sargadelos. A iniciativa prosperou grazas ao voto favorable dos deputados populares, máis contou coa abstención dos nacionalistas e o voto en contra dos socialistas, que se posicionaron dun xeito contraditorio co voto mantido para este mesmo asunto no Pleno municipal de Cervo onde xunto ao PP, PSOE e BNG pediron ao Estado o outorgamento destas axudas que agora o PSOE lles nega.
Segundo explicou Jose Manuel Balseiro tendo en conta os datos facilitados polo comité de empresa seis dos oito traballadores despedidos na cerámica cervense poderían ser beneficiarios das axudas do Ministerio de Traballo contempladas na Orde de 5 de abril de 1995 (BOE número 93 do 19 de abril) xa que cumpren os requisitos de idade, antigüidade e outras condicións requiridas na lexislación vixente. Ademais atendendo ao establecido na devandita orde as axudas poderían solicitarse directamente polos traballadores e cubrirían case o 100% do salario que deixaron de percibir tras o despedimento e por un periodo que chegaría ata puideran acceder á pensión de xubilación ou de xubilación anticipada.
O ESTADO NON PODE NEGAR A SARGADELOS O QUE XA OUTORGOU A OUTRAS EMPRESAS
O deputado popular Jose Manuel Balseiro reclamou que tal e como se fixo con outras empresas galegas o Executivo central non negue aos traballadores de Sargadelos este tipo de axudas estatais. De feito o Ministerio de Traballo financiou con cargo a esta mesma orde de axudas as prexubilacións dos traballadores da empresa viguesa Cableados Auto (Autos Valeo) –“por certo asesorados pola CIGA”- e tamén no caso dos traballadores da empresa UNICEM da Coruña. Neste último caso –o da empresa coruñesa- ademais o Ministerio otorgou en 2008, con cargo a esta mesma orde, 192.393 euros para as prexubilacións de sete traballadores que foron despedidos anos atrás no 2005.
A XUNTA CUMPRIU, QUE CUMPRA AGORA O ESTADO
Balseiro sinalou que “como a Xunta de Galicia cumpriu” -cunha axuda dun millón de euros que vén a garantir a viabilidade da empresa e a continuidade de máis dun cento de postos de traballo- e, “agora tamén debe cumprir o Goberno do Estado”, sobre todo tendo en conta que o propio PSOE ofreceu no seu día os cartos para financiar estas axudas de prexubilación. “Así o prometeu a concelleira socialista e vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez –quen indicou que as axudas estatais estaban enriba da mesa e que así se o ofreceron á empresa e traballadores- e tamén o portavoz de emprego do Grupo Socialistas no Parlamento”. Ambos compromisos constan nas diversas actas oficiais. No tocante á Sr. Lara Méndez, na acta da sesión plenaria municipal de Cervo, que tivo lugar o 17 de 9 de 2010, por convocatoria extraordinaria. O voto actual do PSOE demostra agora que esta señora e o seu grupo “mentiron aos traballadores de Sargadelos e aos veciños de Cervo”
Segundo Balseiro sería ademais “incomprensible” que o Executivo socialista central nun ámbito da súa exclusiva competencia –a seguridade social- non tome cartas no asunto”. Neste senso, lembrou, “foi o Ministerio de Traballo o que a través da súa inspección quen no seu día non tivo ningún reparo para dar os argumentos técnicos e informar en sentido positivo o ERE extintivo polo que se despediron a estas persoas, polo que tampouco deberan ter ningún problema agora para financiar as súas prexubilacións”
EMENDAS INACEPTABLES
Finalmente Jose Manuel Balseiro adiantou que non foi posible aprobar as emendas do PSOE e BNG para achegar un acordo de consenso porque eran absolutamente inasumibles. No caso do PSOE para aforrar uns cartos ao Ministerio de Traballo pedían que a empresa asumira o 60% do custe das prexubilacións, “cando estamos a falar dunha empresa en crise e dun gasto que poría en perigro a viabilidade da empresa”. No tocante á emenda do BNG os nacionalistas condicionaban a axuda da Xunta á readmisión dos traballadores, isto é, pedían que o Goberno galego non outorgara unha axuda que permitirá salvar mais dun cento de postos de traballo a conta da readmisión dos oito traballadores despedidos.