Site icon Crónica3.com A Mariña

O Panificadora del Eo-Ribado sucumbe ás ourensás, con reforzo de honra (9-0)

Nota de prensa

O PANIFICADORA SUCUMBE ÁS OURENSÁS, CON REFORZO DE HONRA (9-0)

O Panificadora del Eo-Ribado non ten sorte nos seus enfrontamentos cos equipos filiais. Primeiro foi o Leis Pontevedra, cun cadro moi reforzado para competir ante as ribadenses (6-2) no descanso do equipo de Prata; despois tocoulle ao Cidade das Burgas, coa parada da División de Honra polo I Torneo Mundial de Futbol Sala Feminino. Favorecido polas circunstancias, o equipo ourensán convocou para a cita de Autonómica a Nati, Laura, Lucía e Nerea, as catro pertencentes ao conxunto de Honra, que se encargaron de endosarlle ao novel mariñán un contundente 9-0.

Resistiron as de Martínez máis de 17 minutos na primeira metade e ata en varias ocasións se achegaron con perigo á portería local, pero a maior experiencia das ourensás puxo o marcador 3-0 en menos de 3 minutos para o descanso.

O Cidade das Burgas, sorprendido da boa defensa presentada na primeira parte polo equipo ribadense, non se confiou e saíu a resolver na segunda parte. Así, xa subira o 5-0 no 25. Os 10 minutos seguintes, coas xogadoras de Honra no banco, as ribadenses enviaron dous tiros ao pau e erraron claras ocasións de polo menos conseguir o gol da honra. Aproveitándose dun Ribadeo minguado de forzas, sacou o seu potencial Pascual Codeso nos minutos finais, con catro dianas máis.
Deberá aproveitar Martínez o descanso da próxima xornada, unido ao parón do Nadal, para pór o equipo a punto e intentar conseguir a segunda vitoria, no último enfrontamento da primeira volta; será o 8 de xaneiro en Ribadeo, ante o Marcón FSF, cuarto con 22 puntos.

Ficha técnica

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Vanessa, Marta, Iria, María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Elvira, Eva, Sabela, Arancha, Yoli e a debutante Toñi (pp).

Cidade das Burgas FS: Ana, Sofía, Nati, Lucía (4) e Nerea (1), cinco inicial; tamén xogaron Laura (1), Pomba, María Romero (1), María Rego (1) e Zaida.

Árbitros: Emilio Losada Sánchez e Laura de la Iglesia Rey, de Santiago. Mostraron cartóns amarelos a Laura, María Rego e Nerea, do Cidade.

Provincial masculina. Segue cultivando triunfos, aínda que traballados, o Ribadeo FS. O sábado venceu por un axustado 5-4 ao visitante de quenda e correúdo Hotel Roma de Sarria. O equipo mariñán mantén a segunda praza, con 25 puntos, a falta de 3 partidos para finalizar a primeira volta. O próximo rival será o Parrillada Puerta Santiago de Lugo, quinto clasificado con 17 puntos e un partido menos (sábado 18, pavillón do Pombal, 20.00 horas).

Provincial feminina. Non puido o Xoula-Ribadeo FS co experimentado FSF Guntín (2-4), un dos equipos aspirantes esta tempada ao cambio de categoría. Adiantáronse as de Guntín na primeira metade; na continuación, o bo fútbol das mozas ribadenses tivo a súa recompensa, igualando Fátima nunha excelente xogada individual. Minutos máis tarde, o dominio local volveu dar os seus froitos e Elena culminou outra bonita xogada moi ben traballada polas ribadenses. A nota destacada do encontro levouna a veterana Lorena, autora dos catro goles visitantes.

Exit mobile version