Nota de prensa
ANTONIO VEIGA ASISTIU ÁS XORNADAS DE XESTIÓN CULTURAL PÚBLICA INCLUSIVA E ACCESIBLE, QUE SE CELEBRAN NOS MUSEOS DA REDE MUSEÍSTICA
Manuel Ángel de Lario, coordinador de accesibilidade da COGAMI, e Miguel Moreno, director do Museo Tiflolóxico da ONCE, foron os primeiros en ofrecer as súas conferencias, no Museo do Mar de San Cibrao
CERVO, 18 de decembro de 2010. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu a algunhas das conferencias que tiveron lugar dentro das xornadas de Xestión Cultural pública inclusiva e accesible, que se están a celebrar na rede museística provincial e comezaron o onte sábado día 18 no Museo do Mar de San Cibrao. Durante a tarde deste primeiro día de xornadas de xestión cultural inclusiva, ademais, foi inaugurada de xeito simbólico a nova rampa de acceso para cadeiras de rodas, na parte traseira do museo.
Esta rampa forma parte dunha serie de accións que se están a desenvolver no Museo do Mar, un traballo que supón que este centro se estea a converter nun dos museos máis completos no que se refire a accesibilidade e a cumprimento dos códigos de comunicación que teñen en conta a todos os colectivos de persoas con discapacidade. Entre outras cousas, levouse a cabo a adaptación da señaléctica a diferentes códigos como pictogramas ou braille, ademais de adaptarse a iluminación e o cromatismo do Museo aos diferentes colectivos de persoas con discapacidade, e no futuro realizaranse máis adaptacións xa que, aínda que o centro xa constitúe un exemplo de accesibilidade, é necesario traballar aínda máis para lograr o total acceso á cultura de todos os colectivos.
As conferencias da tarde deste sábado estaban a cargo de Manuel Ángel de Lario Alquézar, coordinador de accesibilidade da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), e responsable de Accesibilidade e Atención Social en Expoagua de Zaragoza, que falou aos asistentes da potenciación do contido compensando os sentidos; ademais de Miguel Moreno, director do Museo Tiflolóxico da ONCE (Madrid), que falou de “Un Museo para ver e tocar”. A última actividade da tarde foi unha táboa redonda sobre barreiras de comunicación, “Pelexar polo posible, loitar polo invisible: autismo”, por José Urbano Cuevas Mateo, Miguel Moreno e Encarna Lago González.
Estas xornadas, coordinadas por Encarna Lago, xerente da Rede Museística, están a desenvolverse nos museos da mesma, comezando onte sábado día 18, e ata o 9 de xaneiro de 2011. O encontro proponse dende unha perspectiva aberta e plural, para se converter non só nunhas xornadas informativas, senón tamén nun foro de debate sobre xestión cultural pública inclusiva e accesibilidade, que reflexione sobre o que poden ofrecer os museos actuais diante desta problemática. Estas xornadas pretenden expoñer, analizar e debater sobre as necesidades, demandas e reivindicacións dos colectivos con discapacidade e con risco de exclusión social para acceder á cultura.