Nota de prensa:
PRESENTACIÓN DE CONVENIO PARA A DIFUSIÓN DO MODELO BURELA NAS VERBENAS POPULARES
A Biblioteca do IES Perdouro acollerá ás 11:30 horas do venres 10 de decembro o acto de presentación pública e sinatura dun convenio de colaboración establecido entre o Grupo Musical Alma Latina C.B., a área de Innovación Educativa e o Equipo de Dinamización Lingüística do citado centro educativo.
O convenio, destinado á divulgación do Modelo Burela de convivencia lingüística nas verbenas populares, é o resultado de diversas reunións de traballo conxunto realizado por Alberto Prado (en representación do Grupo Musical Alma Latina), María José Andión (da Área de Innovación Educativa) e Miruca Parga (do Equipo de Dinamización Lingüística) do IES Perdouro.
Esta iniciativa está aberta a outras entidades comerciais e empresariais da Mariña que teñan disposición para renovar os canais de comunicación coa clientela. O IES Perdouro conta con diversos modelos de convenios e ofrece a posibilidade de visualizar a documentación orientativa recollida no Arquivo Documental de Burela.