Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo usa fondos públicos para campañas do alcalde e outros gastos, asegura o BNG

Nota de prensa

O GOBERNO MUNICIPAL CERVENSE FAI USO DE FONDOS PÚBLICOS PARA CAMPAÑAS DE PROMOCIÓN DO ALCALDE E OUTROS GASTOS DE DUDOSA NECESIDADE POLA SÚA CONTÍA

Os nacionalistas pedirán explicacións sobre estes gastos nos que se inclúen facturas de xantares que inclúen botellas de viño de reserva a 50 euros a unidade

Os nacionalistas pídenlle ao PP que se aplique o conto da austeridade e que non utilicen as arcas públicas para beneficio persoal

Cervo, 27 de decembro de 2010. O BNG denunciou o uso por parte do alcalde e o seu grupo de goberno de fondos municipais para campañas de promoción persoal do alcalde, gastos nun gabinete de prensa a tempo completo e facturas de xantares con viños de alto prezo que se veñen facturando a cargo das arcas municipais, nalgún caso dende fai tempo. Os nacionalistas critican a falsa austeridade do PP que non ten reparos en pagar cos cartos de todos os veciños e veciñas de Cervo os vicios caros do grupo de goberno que cobra puntualmente, cinco dos seis teñen salario, mentres hai provedores que agardan mais dun ano en recibir o que se lles adebeda.

Xantares de festa, gabinete de prensa particular e campañas de promoción persoal do alcalde a cargo da facenda pública.

Aos nacionalistas chámalles a atención o “curioso exercizo de austeridade” que pon en práctica o goberno municipal de Cervo malgastando as mermadas arcas municipais con gastos de dubidosa necesidade. Como exemplo poñen o “gabinete de prensa particular a tempo completo” que emite tódolos meses unha factura que rolda os mil euros, as campañas de promoción do alcalde e o seu grupo de goberno que só nos últimos dous meses supuxo un gasto que supera os 3.500 euros ou “os xantares a corpo de rei con viños de reserva a 50 euros a unidade”. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa concluíu que “si para o goberno de Villares prima a propaganda e a festa sobre a xestión eficaz dos escasos recursos, mellor que colla vacacións”.

Unha dedicación exclusiva e catro parciais mais teléfonos móbiles a cargo da empresa e os provedores sen cobrar

Para os nacionalistas non e de recibo que nun concello como Cervo, de pouco mais de 4000 habitantes, haxa cinco dos seis membros do grupo de goberno cobrando das arcas municipais, incapaces de facer unha nota de prensa ou de ganarse o salario que se lles abona mensualmente con feitos e non propaganda; Estúa remarcou que “entre salarios, gabinete de prensa e teléfonos móbiles, o grupo de goberno supera os 100.000 euros anuais de gasto e non se nota na acción de goberno”. Por último criticou que mentres o grupo de goberno de Cervo cobra puntualmente, os provedores seguen reclamando o pago de facturas, algunhas con mais de doce meses de retraso.

Si a austeridade e o que fai o PP en Cervo que nos digan como será cando deixen de ser austeros

O BNG interesarase por gastos que considera innecesarios e fora de lugar, “nin se pode pagar o viño a 50 euros, nin gastarse milleiros de euros mensuais en propaganda cando hai outras facturas sen pagar”, recalcou o portavoz nacionalista, polo que anunciou que pedirá explicacións ao alcalde e volveu reclamar “menos festa e mais traballo efectivo para o conxunto da cidadanía”.

Exit mobile version