Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo calcula que unhas dez mil persoas pasaron polo mercado de Nadal

Nota de prensa:

ARREDOR DE 10.000 PERSOAS PASARON POLO MERCADO DO NADAL DE RIBADEO. MANTIVÉRONSE O NÚMERO DE VISITAS CON RESPECTO A OUTRAS EDICIÓNS E AS VENDAS A PESARES DA CRISE. FERNANDO SUÁREZ FAI UN BALANCE MOI POSITIVO DESTA OITAVA EDICIÓN.

Ribadeo, 9 de decembro de 2010. Arredor de 10.000 persoas pasaron polo Mercado do Nadal que onte concluiu en Ribadeo. Segundo estes datos mantéñense o número de visitantes con respecto a outras edicións e tamén as vendas a pesares da situación de crise pola que está a atravesar a cidadanía.

O alcalde, Fernando Suárez, fixo unha valoración moi positiva da oitava edición do Mercado do Nadal “xa que a pesares desta chuvia impenitente e deste mal tempo que reinou durante todos estes días, outro ano máis e xa van oito segue a ser un reclamo importantísimo para Ribadeo. O nadal empeza na nosa vila con este mercado”.

O rexedor tivo palabras de agradecemento “para os artesáns que estiveron alí todos estes días. Creo que todos fixeron un bó mercado, aínda que uns máis que outros porque cada un fala da feira segundo lle vai nela. Todo isto significou que moita xente da Mariña, do Occidente asturiano e os turistas que visitaron esta zona se achegaron ao Mercado do Nadal, foi un reclamo máis para estar en Ribadeo, para comprar, para pasear pola nosa vila… e isto é o que nos leva a facer este tipo de actividades co apoio moi importante da Deputación Provincial de Lugo”.

As actuacións musicais e os obradoiros que se desenvolveron entre o 3 e o 8 de decembro tiveron unha grande acollida entre o público asistente.

Exit mobile version