Nota de prensa:
O CONCELLO EDITOU 1.000 EXEMPLARES DO QUINTO LIBRO DA COLECCIÓN OS SABORES DO NOSO MAR, ADICADO AO POLBO DA PEDRA.
Burela, 29 de decembro de 2010. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e a concelleira do Mar, Remedios López, presentaban esta mañá o quinto libro da colección Os sabores do noso mar, adicado nesta ocasión ao polbo da pedra.
López Villar lembrou que “Os sabores do noso mar é unha colección que puxo en marcha a Concellería do Mar co afán de promover e divulgar os produtos da costa burelense, recollendo diversas formas de elaborar e degustar o produto presentado, con receitas clásicas e innovadoras que os hostaleiros do concello converteron nun suculento manxar”. E explicou que “este quinto libro está composto por quince receitas, onde se pode degustar: polbo á cazola, barca de polbo, polbo á malagueña, polbo á vinagreta, polbo á prancha, polbo recheo de marisco, polbo encebolado, espetadas de polbo á bodeguilla, polbo mariñeiro, polbo ao allo, polbo con ameixas, polbo á feira, espetada de polbo e langostinos, ensalada morna de polbo con algas e capricho de polbo. Bríndanse ademais a ocasión de dar a coñecer aos hostaleiros os seus locais e as súa situación, xa que estes libros repártense nas distintas feiras nas que participa o Concello facendo publicidade de Burela e dos tesouros que o seu mar ofrece”.
A edil socialista asegura que “se fixeron 1.000 exemplares e que se contou coa axuda dunha subvención dos Grupos de Acción Costeira, GAC Eixo1 da Mariña-Ortegal subvencionando o 65% do importe total do proxecto, con Fondos Europeos da Pesca, con fondos do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e con fondos da Xunta de Galicia. O resto do orzamento 35% será a cargo do Concello de Burela”.