Site icon Crónica3.com A Mariña

O candidato do BNG de Xove contou con múltiples apoios na cea de presentación

Nota de prensa

Blanco e Veiga apoiaron en Xove o candidato do BNG

O Bloque Nacionalista Galego organizou onte unha cea no Clube Social de Palmeiro onde presentaron de xeito oficial o seu candidato á alcaldía de Xove. Marco López estivo arroupado por Fernando Blanco, ex conselleiro de Industria, e Antonio Veiga, delegado de cultura e deportes da Deputación.

“Cartos hai, pero faltan ideas”, declarou o candidato do Bloque xovense, quen xulgou a política do actual executivo como un “gasto baleiro” que non aproveita as verdadeiras virtudes do municipio. “Un concello ten que ser algo máis ca unha comisión de festas ou unha axencia de viaxes”, censurou Marco López, e incidiu en que o goberno local foi “incapaz de atraer novos investimentos, crear o cinto industrial de Alcoa ou concebir un Semilleiro de Empresas profesional ligado ao Polígono Industrial de Camba”.

No uso da súa palabra, Antonio Veiga criticou o “programa oculto” do Partido Popular tanto na xestión da crise como no desmantelamento de servizos básicos como a sanidade.

Por outra banda, Fernando Blanco declarou que os cargos públicos están “para que os cidadáns nos esixan resultados e non para que nos doren a píldora”. Blanco tamén dixo que o BNG está sempre “onde o país nos necesita”, como pasou no tema das caixas ou dos xenéricos, e lamentou que tanto PP coma PSOE estean convertindo o desemprego nunha situación “dramática” para moitas familias.

Exit mobile version