O BURELA FSF RETOMA A LIGA NA PISTA DO PECHACANCELAS MALAGUEÑO
Tras a parada de dúas semanas polo I Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino, o Burela FSF Pescados Rubén retomará a liga de Honra, coas forzas recuperadas, na pista do pechacancelas malagueño, CD Campillos; será este sábado, no pavillón municipal, ás 19.00 horas.
Dende a sexta praza (18 puntos), as pupilas de Javier Pardeiro mediranse, tras un longuísimo desprazamento, a un rival a priori accesible, o farol vermello da táboa, con tan só tres puntos. As andaluzas, na súa segunda tempada na máxima categoría, tan só puideron puntuar na xornada inaugural, ante o novel Ciudad de Alcorcón (3-2).
Aínda que o cadro mariñán chegará a esta cita ben fisicamente, non debe confiarse en exceso, xa que vén dunha dinámica sen competición e terá que loitar contra o factor cancha dun conxunto que esgota todas as posibilidades na casa, a pesar de que os resultados non o acompañan.
No banco laranxa, a participación de Lucía estará limitada por unha latosa escordadura de nocello que leva arrastrando algún tempo e da que non logra restablecerse por completo. Lara non viaxará por motivos académicos.