NOTA DE PRENSA
EDU: ‘A CITA DA COPA ANTE O LOBELLE É UN PREMIO PARA O EQUIPO E PARA A AFECCIÓN’
A bomboneira será mañá unha auténtica festa do fútbol sala, na segunda eliminatoria da Copa do Rei (20.30 horas). O Burela FS recibirá o todopoderoso Xacobeo 2010 Lobelle de Santiago, da División de Honra, no que o gardameta laranxa Edu cualifica como “un premio para o equipo e a afección poder gozar dun duelo desta relevancia en Vista Alegre”.
O cadro mariñán acollerá no santuario burelao o gran desafío lobellista, referendado por números vertixinosos. Os composteláns chegan ao descanso de Nadal pelexando polo liderado da máxima categoría, empatados a 34 puntos con ElPozo Murcia; no que vai de tempada, tan só foron derrotados polo Barcelona, a domicilio.
A última vez que se viron as caras Lobelle e Burela foi na I Copa Barrios Deportivos de Ourense na pretempada, co título para o lado santiagués. “Somos conscientes de que o Lobelle é o claro favorito, por categoría e traxectoria, pero nós saltaremos á pista para dar a sorpresa; sería bonito seguir vendo equipos de Honra en Vista Alegre” confesou o meta naronés, que animou a afección a gozar do espectáculo: “Sen dúbida vai ser un gran partido. Nós sairemos a deleitarnos co xogo, sen a presión da liga, pero sendo fieis á nosa filosofía e contando coa inestimable axuda da bancada laranxa”.
A novidade no banco burelista será o xuvenil Antón Couto, co que xa contou Suso Rey nos cuartos da XX Copa Galicia, ante o Ribeira FS (2-4), hai un par de semanas. As molestias musculares de Minu manterano afastado da pista mañá.
O prezo das entradas será de 3 euros para socios/as (presentar carné de 2010) e 10 para os non socios/as; os menores de 18 anos terán acceso gratuíto (presentar DNI). Durante o descanso, o club laranxa sorteará unha suculenta cesta de Nadal entre todos os asistentes.
Próxima eliminatoria. O vencedor do mércores enfrontarase ao gañador de Ziérbena-Azkar Lugo, o 29 de decembro, na terceira eliminatoria.
Recollida de xoguetes. A peña A Pataca Naranxa recollerá xoguetes en colaboración coa Cruz Vermella ata finais de mes. Todas as persoas que o desexen poderán deixar a súa doazón no pavillón polas tardes. O servizo de recollida a domicilio pódese concertar a través do número de teléfono 607 74 87 86.