Nota de prensa:
O BURELA FS DESPIDE 2010 COA VISITA DO PERIGOSO GÁLDAR GRAN CANARIA (VISTA ALEGRE, 18.30)
O Burela FS despedirá a súa participación de Prata en 2010 coa visita do perigoso Gáldar Gran Canaria, terceiro clasificado, avantaxando en catro puntos a sexta praza dos laranxas. Será mañá, en Vista Alegre, a partir das 18.30 horas.
O Burela FS probará a fortaleza da bomboneira ante un dos rivais máis sólidos da categoría. Ata o momento, os canarios só viron escapar puntos fóra da casa en tres ocasións, con dous empates (Murcia 3-3 e Lanzarote 9-9) e unha soa derrota (Zamora 3-0).
Os insulares chegarán moi motivados, co firme obxectivo de saír dunha liña de resultados pouco favorables. O Gáldar, que se mantivo imbatido ata a décimo cuarta xornada en Zamora, tivo que conformarse dende aquela co 2-4 de Puertollano e o o 3-3 ante o Navarra. ‘Nós imos coa intención de loitar pola vitoria; queremos recuperar a liña que vimos despregando desde o comezo da campaña. Non queremos pensar en nada máis” asegurou o ala do Gáldar Lonchu.
Minu será a única ausencia no banco burelista, por problemas musculares.
Aos rivais máis próximos dos mariñáns preséntaselles unha despedida do ano a priori máis accesible, aínda que fóra da casa: o UPV Maristas Valencia, cuarto (31 puntos), desprázase a Albacete, décimo cuarto; o BP Andorra, quinto (30), visita o Eivissa, décimo sexto; e ElPozo Murcia, sétimo (27), medirase ao Barcelona B, undécimo.
Calendario Laranxa 2011. Dende mañá estará á venda o xa tradicional Calendario Laranxa (2 euros), coa participación dos difertentes equipos e categorías que compoñen o CD Burela FS e a colaboración de diferentes empresas mariñás. Así mesmo, tamén se poderán adquirir na taquilla as entradas (3 euros para socios/as e 10 para non socios/as) para o Burela FS-Xacobeo 2010 Autos Lobelle, da Copa do Rei (mércores 22, 20.30 horas).
Recollida de xoguetes. A peña A Pataca Naranxa colabora ata finais de mes co Cruz Vermella na campaña de recollida de xoguetes para o Nadal. Todas as persoas que o desexen poderán deixar a súa doazón no pavillón, coincidindo co encontro Burela FS-Gáldar. O servizo de recollida a domicilio pódese concertar a través do número de teléfono 607 74 87 86.