Nota de prensa:
Veiga denuncia que o PP presentase cun programa oculto.
O BNG presentara lista en todos os Concellos coa confianza en aumentar os seus apoios.
A Mariña, 9 de decembro de 2010. O Portavoz Comarcal do BNG, Antonio Veiga, deu conta que na xuntanza do Consello Comarcal do BNG celebrada o pasado Martes os nacionalistas iniciaron os preparativos das vindeiras eleccións municipais convencidos de que estarán presentes na totalidade das corporacións da Mariña, que aumentaran de xeito significativo o seu poder institucional así como a porcentaxe de votos en relación cos anteriores comicios.
Neste sentido Veiga afirmou que “ a día de hoxe a preocupación principal do BNG é a loita contra a crise económica na perspectiva de garantir unha xestión da mesma que non signifique un empeoramento das condicións de vida das maiorías sociais. Non imos ser nos responsábeis de entregarlle ás xeracións futuro un mundo peor que o que recibimos dos nosos pais, polo que o eixo central da proposta programática do BNG para os vindeiros comicios vai ser poñer os Concellos ao servizo da creación de emprego e aumentar a protección social dos nosos conveciños”. Na mesma liña o Portavoz Comarcal do BNG indicou que “a presenza do nacionalismo nos gobernos dos Concellos da Mariña así como nas corporacións vai ir nesa dirección, posto que a administración local ten moito que dicir para facer fronte a esta crise e de xeito moi particular as políticas que a están agravar na dupla de dirección de facerlla pagar ás maiorías sociais e tamén de impedir a posta en marcha de políticas que fagan posíbel a recuperación económica”.
Os nacionalistas que teñen case ultimada a súa proposta electoral indicaron que “boa parte das propostas que imos a recoller no noso programa son as políticas que estamos levando adiante naqueles Concellos onde gobernamos, onde é evidente que existe unha preocupación, mesmo con alternativas novidosas, tanto no plano da mellora da cobertura social, como no apoio aos sectores económicos así como nas políticas activas de emprego. En definitiva queremos que a proposta do BNG, que a vindeira lexislatura nos Concellos da Mariña sexan o da creación de emprego é o da ampliación das coberturas sociais. Non se nos escapa que a capacidade económica dos Concellos minguou, que é necesaria unha nova lei de financiamento local e que todo isto dificulta a capacidade de inversión dos entes locais. Agora ben, tratase de priorizar o gasto e nos aí témolo claro, porque isto é unha cuestión de vontade política”.
O Portavoz do BNG criticou a hipocrisía do discurso do PP que “agora ven coa ladaíña da austeridade pero que nos anos das vacas gordas onde lles tocou xestionar diferentes Concellos, gastaron diñeiro a mancheas sen saber moi ben no que. Mesmamente sería bo que o Partido Popular lle explicase aos veciños da Mariña se foi esa súa proclamada austeridade a que situou nunha situación de quebra técnica a varios Concellos da Comarca. O Sr. Feijoo e os dirixentes do PP terían que vir a Comarca a poñer solucións enriba da mesa diante da situación da crise económica que vive a comarca, na contra de facer futuríbeis ou apostas máis propios das tombas”. Neste sentido Veiga advertiu de que “o PP presentase a estas eleccións cun programa oculto, que agardarán a despois das eleccións para aplica-lo e que se concreta na perda de servizos sanitarios no Hospital da Costa e a súa dependencia de Lugo, na supresión de máis ciclos formativos e especialidades académicas na Mariña e na redución de prazas de gardería ou nos centros de maiores, até o punto de que están a pensar no feche de algúns e na privatización doutros”.
Xa por último o Consello Comarcal do BNG procedeu a constituír a súa comisión electoral formada pola totalidade dos membros da Executiva Comarcal, polos representantes das dezasete localidades da Mariña así como un representante de Galiza Nova. “Hai que destacar o proceso de conformación de candidaturas que se está dando no BNG, un proceso modélico, posto que son os afiliados de cada localidade quen escollen os candidatos, sen imposicións alleas, e que ademais até a data caracterizouse pola unanimidade na elección de todos os candidatos proclamados até a data”,rematou Veiga.