Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixe unidade para conseguir a Residencia para Foz

Nota de prensa

Os nacionalistas demándanlle ao PP e ao PSOE que non fagan partidismo con este tema

O BNG esixe unidade para conseguir a Residencia para Foz

Foz a 30 de decembro de 2010.- O Bloque Nacionalista Galego denunciou a falta de compromiso político por parte da Xunta de Galiza e do partido que sustenta ao Goberno co equipamento social máis necesario que precisa o Concello de Foz, na perspectiva de que a posta en marcha dunha Residencia e dun centro de Día non só paliaría a ausencia de servizos para a Terceira Idade das que carece Foz senón que tamén serviría para facer fronte ao problema do emprego.

Basanta volveu a reiterar que “non se entende a decisión da Xunta en contra da Residencia e do Centro de Dïa posto que o Concello de Foz é o segundo en poboación da Mariña despois de Viveiro sendo ao día de hoxe o único que non conta con Centro de Día nin con unha Residencia que cumpra con todos os requisitos técnicos e dotacionais axeitados aos tempos modernos. Incluso poboacións da Comarca da Mariña con menos peso poboacional contan actualmente con Centro de Día e/ou Residencia”. Basanta continuou lembrando que “en Foz están censados ao redor de 2.300 maiores de 65 anos, o Concello está adherido ao Consorcio e os terreos que ofrecen no contorno do actual asilo teñen a cualificación de solo dotacional tanto no Plan Xeral de Ordenación Municipal en trámite como nas Normas Subsidiaria”. Neste sentido o edil do BNG indicou tamén que a posta en marcha deste servizo operaría tamén no plano do emprego posto que a súa posta en funcionamento implicaría a creación de máis de 50 empregos directos.

Os nacionalistas demandaron aos populares que “rectifiquen a posición mantida no Parlamento Galego no que por dúas veces seguidas se opuxeron a esta demanda de Foz que no seu momento os seus correlixionarios en Foz apoiaron. É lamentábel a posición do PP de Foz que se adica a vender fume con outros temas, importantes tamén pero non do calado deste, para agochar a súa incapacidade de xestión e o seu peso político no Partido. Mentres Cervo consegue o financiamento para unha dotación deste tipo a través dun convenio do Plano Concertado, en Foz seguimos a velas a vir e os populares de Foz actuando de comparsas”. Na mesma liña, Xoán Carlos González Basanta demandoulle rigor ao grupo de Goberno “posto que non é serio que agora formulen construír unha dotación deste tipo con medios propios, cando primeiro se carecen deles debido ao despilfarro da xestión destes anos, segundo, porque 600.000 euros non chegarían para un equipamento que custaría arredor de 2 millóns de euros e terceiro, porque a viabilidade dun centro deste tipo está en función das prazas que a Xunta estea dispostas a concertar, no caso contrario sería un artigo de luxo para unha minoría”.

O Bloque Nacionalista Galego demandou do PP e do PSOE que deixen de xogar ao partidismo do “e ti máis” para tentar “agochar as súas vergoñas e a súa incapacidade de dar resposta aos problemas reais da xente. É necesario que uns e outros poñan a orella e sintan o que a xente de Foz opina ao respecto do que da boa mostra o apoio masivo a recollida de sinaturas que se está a levar adiante por parte de colectivos locais. Foz non se merece un goberno e un partido da oposición que onde hai un problema, crean outro. Aínda máis, Foz merécese un goberno e unha oposición que antes de falar escoiten, e da a sensación que boa parte dos nosos políticos locais non andan moi finos de ouvido”. Neste sentido, os nacionalistas consideran paradigmático desta consideración a posición que están a manter co tema da Residencia e do Centro de Día tanto o PP como o PSOE, mentres Foz perde servizos en relación con outros Concellos.

Exit mobile version