Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz insta ao PP a rectificar o seu voto contrario á Residencia e ao Centro de Día

Nota de prensa:
Basanta insta ao PP a rectificar o seu voto contrario a Residencia e ao Centro de Día.

O Parlamento debate o luns a construcción dun Centro de Día e dunha Residencia da Terceira Idade para Foz.

Foz, 11 de decembro de 2010.- O vindeiro luns o Parlamento de Galiza debatera na Comisión de Traballo e Benestar unha Proposición Non de Lei presentada polo BNG no que se insta ao Goberno Galego a que proceda a licitar a cargo dos Orzamentos deste ano unha residencia da terceira idade e un centro de día en Foz cun horizonte de remate no 2013. Segundo indicou Xoán Carlos Basanta “ a proposta que os nacionalistas levamos ao Parlamento coincide na súa literalidade coa aprobada polo Pleno da Corporación de Foz en data 27/03/2008 os tres grupos políticos da Corporación Municipal de Foz (PSOE, PP e BNG) acordaron solicitar da Xunta de Galiza unha Residencia de Anciáns para Foz que contase cun Centro de Día, facendo as xestións oportunas ao mesmo tempo para conseguir que o Padroado do Asilo de Foz cedese os terreos necesarios”.

O Portavoz nacionalista no Concello de Foz indicou que a demanda da Corporación focega está debidamente xustificada posto que “Foz é o segundo concello en poboación da Mariña despois de Viveiro sendo ao día de hoxe o único que non conta con Centro de Día nin cunha Residencia que cumpra con todos os requisitos técnicos e dotacionais axeitados aos tempos modernos. Incluso poboacións da Comarca da Mariña con menos peso poboacional contan actualmente con Centro de Día e/ou Residencia cando en Foz están censados ao redor de 2.300 maiores de 65 anos”. A maior afondamento Basanta insistiu que estes argumentos tamén os deu por bo no seu momento o Goberno Galego até o punto de que en 2008 primeiro o Vicepresidente da Xunta en declaracións a prensa e posteriormente veuse ratificada en escrito en escrito dese mesmo ano pola Unidade Técnica de Obras e Proxectos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (nº de rexistro 1586).

Xoán Carlos González Basanta urxiu ao Partido Popular a que rectifique a posición mantida no debate das emendas dos orzamentos onde o grupo que apoia ao goberno galego votou en contra da proposta desde equipamento para o Concello de Foz. O nacionalista dirixiuse de xeito especial aos populares de Foz a quen lles demandou que “antepoñan os intereses do pobo ao do partido e que cumpran con Foz. O sentido da votación do luns no Parlamento vai demostrar a que anda o PP local e que representa o PP local no PP galego. Se os populares de Foz non son quen de conseguir que o seu grupo apoie esta iniciativa tan necesaria e que ten a unanimidade social do pobo, malamente valerán para xestionar nada para Foz.”. Na mesma liña, os nacionalistas recordáronlle aos populares que o exercicio da acción de goberno require dar trigo e non predicar. “É unha broma de mal gosto que o PP de Foz formule grandes propostas para o futuro de Foz pero que na contra se negue a cumprir coas reivindicacións dos veciños de Foz”.

Exit mobile version