Nota de prensa
O BNG PÍDELLE AO ALCALDE QUE LLES ESIXA ÁS EMPRESAS CONSTRUCTORAS DA A-8 QUE DEIXEN OS CAMIÑOS MUNICIPAIS EN PERFECTO ESTADO. ANTONIO VEIGA QUÉIXASE DO ESTADO NO QUE SE ATOPAN OS ACCESOS A SANTO ESTEBO DO ERMO E ÁS EIRAS.
Barreiros, 1 de decembro de 2010. O BNG pídelle ao alcalde que lles esixa ás empresas que están a construir a A-8 entre Barreiros e Vilamar que deixen os camiños municipais en perfecto estado. O portavoz, Antonio Veiga, lembra que os camións estiveron durante moitos meses empregando eses viais ocasionándolles moitos problemas aos veciños das zonas afectadas. Os nacionalista quéixanse do estado no que se atopan os accesos a Santo Estebo do Ermo ou ás Eiras.
Veiga Outeiro sinalou que “no BNG preocúpanos como van quedar os accesos á zona de Santo Estebo do Ermo, subindo desde Pozomouro, desde Estacaxugos. Dita zona é moi visitada durante o verán, é un lugar de referencia tanto a nivel paisaxístico, como cultural ou histórico. E para acceder desde a saída da autovía vemos que está bastante complicado, incluso hai que facer uso dunhas vías de servizo cunhas pendentes moi pronunciadas. É unha magoa que non se xestionara outro tipo de acceso, outro tipo de paso para esta zona que visita tanta xente”. Aos nacionalistas tamén lles parece unha mágoa que “desde o Partido Popular se deixase esmorecer aquela comisión de seguemento das obras da autovía, que se creou a instancias do BNG e que nun principio deu os seus froitos”.
O portavoz do BNG en Barreiros amósase preocupado polo estado dos accesos na zona das Eiras, “hai meses xa denunciáramos que quedaba cortado o chamado Camiño Real. Todo iso quedaba en función do acceso que ía ter o futuro Corredor da Costa, o futuro entronque que ía enlazar autovía e corredor. Pero a día de hoxe aínda non se artellou ningunha alternativa, polo que nos contestou o alcalde en pleno”.
Antonio Veiga tamén explicou que “fixemos moito fincapé desde o BNG en que agora que está rematando o tramo Barreiros-Vilamar e insistímoslle ao alcalde que non deixe escapar a posiblidade de arranxar tódolos camiños que as empresas que construiron a autovía empregaron durante todo este tempo, lóxicamente por algún lado tiñan que pasar, pero queremos que deixen os camiños en perfecto estado, non de calquera maneira. Porque os inconvintes que lles produciron aos veciños foron moitos durante estes anos nas parroquias de Vilamar, Celeiro e San Cosme, tiveron que sufrir moitos problemas para circular por viais, nalgúns casos de catro kilómetros”.
Desde o BNG anuncian que “con comisión de seguemento ou sin ela o Bloque Nacionalista Galego vai velar polos intereses do concello, polos intereses do veciños para que eses viais sexan reparados nas debidas condicións”.