Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros insta ao concello a dar información aos veciños sobre o plan sectorial de servizos

Nota de prensa

O BNG INSTA AO CONCELLO A DAR INFORMACIÓN AOS VECIÑOS SOBRE O PLAN SECTORIAL DE SERVIZOS PARA BARREIROS QUE ESTÁ EXPOSTO AO PÚBLICO DESDE O PASADO 10 DE DECEMBRO. OS NACIONALISTAS QUEREN QUE TODAS AS PARROQUIAS SE VEXAN BENEFICIADAS POLOS 14 MILLÓNS DE EUROS DE INVESTIMENTO PREVISTO.

Barreiros, 25 de decembro de 2010. O BNG insta ao Concello a dar información aos veciños sobre o plan sectorial de servizos para Barreiros agora que se atopa exposto ao público. Os nacionalistas piden o mesmo tratamento para todas as parroquias barreirenses e non só para as catro ás que lles afectará dito plan.
Desde o BNG lembran que “desde o 10 de decembro o plan de servizos para Barreiros está a información pública por un prazo de dous meses, poderase ver e consultar ata mediados de febreiro”.
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Antonio Veiga, insta “ao Concello de Barreiros a dar a máxima información sobre as zonas que cubre, a qué zonas lles afecta e, o que é máis importante e que lles preocupa aos veciños, qué zonas van quedar fora da influencia deste plan sectorial para dotar de servizos a Barreiros. Entendemos que sería unha auténtica mágoa que con estes 14 millóns de cartos públicos de todos os barreirenses, de todos os galegos e as galegas só se beneficiara unha pequena parte do concello, só aqueles que provocaron esta situación tan rara e tan incómoda no concello”.
Os nacionalistas pídenlle “ao Concello que dea a máxima información sobre o plan, porque de momento está a silenciala, ninguén sabe que ese plan sectorial está a información pública desde o pasado 10 de decembro e hai que estudialo polo miudo entre o Concello e entre os veciños. O BNG ofrécese para dar esa información aos veciños de todas esas parroquias que se ven afectadas. Estudando a fondo ese plan sectorial vemos que non dentro de todas as parroquias todas as vivendas van ter o mesmo tratamento, sería tremendamente inxusto e despois tería difícil solución co paso do tempo dar servizos á totalidade de Barreiros. Queremos que estes 14 millóns de euros sirvan para todos e para todas as localidades de Barreiros non só para catro puntos de cada unha das localidades que menciona o plan”.
Veiga Outeiro anima ao Concello “a dar toda esa información, a falar con todas as asociacións de veciños das parroquias e a informar polo miudo, porque o Concello ten medios e un técnico para facelo e ademáis é a súa obrigación. Desde logo que sabendo como está a traballar o Concello nos últimos anos desde o BNG entendemos que teremos que ser nós os que teñamos que dar esa información e traballar cos veciños para que o conxunto das parroquias se beneficien destes 14 millóns de euros e non só uns poucos”.

Exit mobile version