Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros aclara que os únicos investigados son o alcalde e a Xunta de Goberno do 2006

Nota de prensa:
O BNG ACUSA AO ALCALDE E AO PP DUN INTENTO CLARO DE CONFUNDIR Á POBOACIÓN COA SITUACIÓN URBANÍSTICA DE BARREIROS. OS NACIONALISTAS ACLARAN QUE OS ÚNICOS INVESTIGADOS ATA O MOMENTO SON ALFONSO FUENTE E A XUNTA DE GOBERNO QUE HABÍA NO 2006.

Barreiros, 13 de decembro de 2010. O BNG acusa ao alcalde de Barreiros e ao PP dun intento claro de confundir á poboación coa situación urbanística do Concello. Os nacionalistas aclaran que os únicos investigados ata o momento son Alfonso Fuente e a xunta de goberno que había no 2006.

O portavoz do BNG, Antonio Veiga, dixo que “diante das noticias que están aparecendo os últimos días nos medios sobre Barreiros e que nos están a poñer de novo no ollo do furacán desde o BNG queremos facer algunha puntualización para escapar deste intento claro de confusión, aínda que entendemos que moita xente sabe de sobra o que pasa e o que estivo a pasar nestes anos co urbanismo”.

Veiga Outeiro lembrou que “a quen se está a investigar aquí é ao alcalde de Barreiros pola concesión de licencias, o único investigado que hai aquí é o rexedor e a xunta de goberno do PP que concedeu aquelas licencias no ano 2006, de feito durante o pasado verán foron a declarar ao xulgado de Mondoñedo e aí seguen esas dilixencias”.

O portavoz do BNG en Barreiros considera que “houbo unha boa análise da situación urbanística de Barreiros, feita xa no ano 2006 por quen tiña competencias no goberno da Xunta, pola Consellería de Ordenación do Territorio. E en función dese estudio os resultados foron que ese modelo urbanístico era totalmente insostible, denunciaban a carencia de servizos e iso provocou a suspensión das normas subsidiarias. Co tempo andado e con outro goberno distinto na Xunta recoñécese que no ano 2006 non había ningún servizo en Barreiros, a total ausencia de servizos e dotacións para eses edificios que se ían facer. Non hai máis que ver a memoria do plan sectorial que fixo esta Xunta”. Desde o BNG “temos moi claro o que pasou e o que pasa co urbanismo en Barreiros, non lle deamos máis voltas, está suficientemente analizado e sendo investigado, esperemos ás resolucións”.

Para Antonio Veiga “é curioso que xusto a semana na que se coñeceu unha sentencia bastante significativa porque estamos falando dun edificio para 173 vivendas no centro de San Miguel e calquera veciño sabe que alí non había ningún servizo cando comenzou a levantarse ese inmoble, é curioso que o día que sae a setencia declarando ilegal a concesión desa licencia desde a alcaldía se diga que investigan á secretaria municipal do Concello por unhas acusacións dun constructor. Para facer esas investigación e polo ben de todos existe o xulgado e alí é onde se terá que dirimir e o señor alcalde de Barreiros que non intente confundir á cidadanía e desviar a atención cara outro lado. O problema que temos é moi gordo, pero xenerado única e exclusivamente pola desastrosa xestión de Alfonso Fuente Parga”.

Plan sectorial

O voceiro nacionalista engadiu que “estamos terminando esta legislatura e no ano 2007 o PP dicía que o problema do urbanismo o solucionaba nun plis plas, xa vemos en qué quedou esa intención. Chegando ás eleccións de 2011 vemos que Barreiros segue cos edificios a medio facer e sen servizos. Publicóuse hai uns días o anuncio de información pública do plan sectorial, terán que pasar dous meses, haberá que analizar despois esas alegacións e haberá que tomar unhas determinacións. Os servizos non serán inmediatos nin a curto nin a medio prazo, quen falou á lixeira, quen utilizou isto electoralmente terá que recuar ou dar outro tipo de explicacións aos veciños, pero o que non pode facer é seguir confundindo á cidadanía. Á xente non se lle pode contar mentiras, á xente hai que dicirlle o que hai”.

No BNG “temos moite interese en que a xente coñeza polo miudo este plan sectorial e alí poderán ver que os servizos non son para a totalidade dos veciños, os servizos son única e exclusivamente para esas urbanizacións e o seu entorno. A propia memoria do plan recolle, en cada un dos casos, cantas vivendas quedarán fora deses servizos e despois se terán que conectar, iso é o que non nos di o señor alcalde, quen lles vai pagar aos veciños de San Miguel, San Pedro, San Cosme ou de Reinante as conexións a esas redes de saneamento. Iso é o que queren saber os veciños, non queren que se rían deles unha vez máis e vendo cómo con cartos públicos da Xunta se van pagar eses servizos e eles quedarán unha vez máis mirando”.

Antonio Veiga manifestou que “a pregunta é ¿a servizo de quen está o PP de Barreiros? A servizo dos intereses xerais do Concello ou está apurando simplemente para que se poidan legalizar eses edificios e despois os servizos virán ou non virán. Desde logo que é responsabilidade de todos e o BNG vai traballar para que eses servizos veñan para todos non só para catro. Ese foi un dos motivos polos que o BNG non apoiou ese plan sectorial nin no Concello nin na Deputación de Lugo, porque entendíamos que con cartos de todos non se podían pagar as desfeitas que fixeron uns poucos”.

Exit mobile version