Nota de prensa:
O BNG DE FOZ CONSIDERA QUE AS DIRECTRICES DO TERRITORIO CASTIGAN A FOZ RELEGANDOO A UN PAPEL SECUNDARIO E HIPOTECANDO O SEU FUTURO
Basanta afirma que “o PP segue a discriminar a Foz e mándao a segunda división territorialmente falando”
Foz, 21 decembro de 2010.- O Bloque Nacionalista Galego critica duramente o trato discriminatorio e prexudicial que a Xunta lle da ao Concello de Foz nas Directrices do Territorio, aprobadas provisionalmente o día 16 deste mes polo Consello da Xunta e publicado no DOG do día 20. O BNG lamenta que a Xunta non aceptara ningunha das alegacións que a Corporación de Foz, coa unanimidade de todos os grupos (incluído o propio PP), lle fixera ás Directrices. Ditas alegacións centrábanse principalmente en que Foz fora considerada cabeceira do sistema urbano intermedio e que se recoñeceran os Núcleos de Identidade Litoral que non aparecían no documento inicial.
A primeira das discriminacións que as Directrices de Ordenación do Territorio establece co Concello de Foz ten que ver coa consideración de Foz como subcabeceira de Comarca. Neste sentido, o Portavoz do BNG de Foz, Xoán Carlos González Basanta, considera que “non é de recibo que se proceda a definir o Concello de Foz como subcabeceira do sistema urbano intermedio, facendoo depender de Viveiro ou Ribadeo”. Despois de definir o sistema intermedio como un conxunto de poboacións entre 7.000 e 20.000 habitantes o documento pasa a afirmar que “Viveiro reúne condicións para actuar como cabeceira no extremo occidental dun corredor urbano onde Ribadeo debe ser cabeceira no ámbito oriental” e clasificando a “Foz e a Burela como subcabeceiras na configuración deste ámbito” pero en ningún caso argumenta ou da razóns de dita clasificación nin xustifica porque Foz non pode ser considerada unha cabeceira de comarca (que si tería lóxica nunha determinación do ámbito central da Mariña). Polo tanto, para o BNG a pouca consideración dunha poboación como Foz que é a segunda da Mariña en poboación e que é un nodo central da comarca non ten xustificación ningunha. Neste sentido e afondando na desconsideración da Consellaría co noso pobo, o BNG de Foz bota en falta unha resposta ás alegacións que a Corporación Municipal fixo respecto a que as Directrices corrixisen esta falta e considerara a Foz cabeceira de Comarca, como merece. Para o BNG e en contra do que a Xunta pensa, Foz cumpre todos os requisitos para ser definido como cabeceira do sistema urbano intermedio por poboación, dimensión e densidade de poboación.
As repercusións que esto vai a traer nun futuro para Foz van a ser moi negativas porque Foz pasa a ser de segunda para a Xunta e a cumprir un papel secundario. As directrices marcan dentro da clasificación de centros urbanos que acollerán as actuacións máis importantes, por exemplo en materia turística, como nodos principais a Ribadeo e Viveiro (seguindo a mesma gradación) e como nodo secundario a Foz, xunto con Burela. Desta maneira o expresa o documento: “Viveiro e Ribadeo aparecen como os núcleos de maior potencial para impulsar o desenvolvemento turístico da costa de Lugo, dinamizando o conxunto de asentamentos da Mariña lucense e das Rías Altas”. Esta degradación do status turístico de Foz é algo que rompe coa dinámica e coa consideración que Foz tivo historicamente como un centro turístico da Mariña, quedando nun segundo plano á hora de planificar infraestructuras e dotacións turísticas ou recibir axudas das distintas administracións.
Ademais, segundo Basanta, “o feito de que se clasifique como subcabeceira significa que o noso Concello non poderá acoller servizos de carácter supramunicipal (P. ex, un PAC) ou que a dotación de Vivendas de Protección Oficial ou de solo empresarial estea condicionada as necesidades das cabeceiras da Comarca”, quen criticou que outra vez máis “o PP na Xunta volve a discriminar a Foz e con esta decisión mándao a segunda división en canto a dotación de servizos”. Os nacionalistas esixen que a Xunta de Galiza aclare as razóns que a levaron a sencundarizar a Foz nas Directrices, que explique por que nas determinacións das mesmas se homologan os nodos e as subcabeceiras e demandan unha rectificación na consideración que se lle dá a Foz.
Sorprende tamén que dentro da clasificación dos núcleos de identidade do litoral, é dicir, asentamentos tradicionais costeiros que pola súa singularidade solicitan un tratamento específico, no caso de Foz baixo esta denominación só apareza o casco urbano de Foz, ignorando por exemplo outros asentamentos tradicionais como Nois, Fazouro ou Cangas. Particularmente grave é a ausencia do Porto de Nois como núcleo de identidade do litoral sobre todo se temos en conta que así estaba recoñecido no Plan de Ordenación do Litoral, documento ligado ás Directrices do Territorio. Consecuentemente, segundo o portavoz municipal do BNG, “moito nos tememos que finalmente tamén o POL non recoñeza a Nois como núcleo de identidade do litoral co agravio comparativo que esto supón”. Coa aprobación deste documento queda en suspenso tamén a promesa da Consellaría de Medio Ambiente feita á Corporación Municipal de incluír os núcleos de Vilaronte, Forxán (San Martiño), Fazouro, Nois e Cangas no Plan de Ordenación Litoral, unha petición e unha demanda que todos os grupos da corporación lle fixemos nas múltiples reunións que tivemos con ela.
O BNG esixirá no trámite parlamentario, antes da súa aprobación definitiva, unha explicación de porque se marxina a Foz desta maneira na planificación territorial da Xunta, como xa fixo o PP noutros plans (basta recordar o mapa sanitario). Pero tamén, demanda urxentemente unha posición clara do PP a nivel local porque non se pode defender en Foz unha cousa e logo dar por boa a contraria nin estar enganando á xente dicindo que fan moitas xestións co PP da Xunta para mellorar Foz e despois calen desta maneira diante dun agravio tan prexudicial onde se está xogando o futuro do noso Concello. Basanta é claro nas súas palabras: “O PP non pode estar xogando continuamente con dúas barallas. Ou o PP de Foz está cos intereses do Concello e dos veciños ou está coa Xunta nesta nova afrenta a Foz. O PP local ten unha nova ocasión para demostrar o peso que ten realmente na Xunta esixindo unha rectificación no trámite parlamentario, como así a imos a esixir nós”.