Nota de prensa
O BNG PIDE EXPLICACIÓNS AO ALCALDE POR CERTIFICAR E RECEPCIONAR O REMATE DUNHAS OBRAS INICIADAS NO MES DE AGOSTO E PARADAS DENDE SETEMBRO
O alcalde deu por rematada unha obra en Río Covo derivada de un convenio co IGVS deixándoa sen facer e con todos os refugallos amontoados na rúa
O goberno municipal xoga con lume certificando o remate de obras sen finalizar para cobrar as subvencións
Convenios que non se cumpren e obras a medio facer que mellor foi non empezar.
O pasado 21 de abril o alcalde de Cervo asinaba un convenio co Instituto Galego da Vivenda e Solo(IGVS) mediante o cal o concello de Cervo renunciaba á titularidade dunha vivenda de promoción pública á que tiña dereito de acordo co artigo 63.3 do Decreto 257/2007 de Réxime Xurídico de Vivendas de Promoción Pública a cambio do financiamento por importe de 106.246,96 euros de diferentes actuacións no concello de Cervo, “entre elas obras de mellora de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas na travesía entre as rúas once e trece da Urbanización Río Covo” . Durante o pasado mes de agosto daban inicio estas obras coa demolición de xardineiras e accesos no referido lugar, paralizándose no mes de setembro sen que os operarios volveran a continualas, e deixando a travesía con todos os entullos de obra no mesmo lugar e coas obras sen rematar a pesar da insistencia dos veciños da zona.
Danos físicos por falta de iluminación e travesía intransitábel pola acumulación de entullos e fochancas.
Os nacionalistas denuncian a desastrosa situación na que deixaron esta travesía, con entullos acumulados, fochancas e ausencia de iluminación que “xa causaron algún accidente a residentes na zona”, o portavoz municipal nacionalista Xoán Estúa, acusou ao goberno municipal cervense “de ser o responsábel último de calquera accidente que suceda e esixiu o remate inmediato destas obras que para deixalas como están mellor non ter empezado”. O nacionalista lembrou que “no proxecto de execución non só estaba a execución das obras, tamén a retirada do entullo e nin unha cousa nin outra sen ten feito”.
Cos documentos na mao o sucedido con este proxecto e de xulgado de guarda.
Os nacionalistas advirten que á vista da documentación onde figura o convenio asinado entre o alcalde de Cervo e o IGVS, “cos seus condicionantes” e a xustificación emitida e asinada polo alcalde e outros que recolle: “as certificacións un, dous e tres e definitiva”, “a recepción da obra” onde se “certifica a efectiva execución da obra en consonancia co proxecto básico”; e evidente vista a situación na que quedou a travesía entre as rúas once e trece da Urbanización Río Covo, “que non se cumpre o convenio e hai falsidade tanto nas certificacións emitidas como na acta de recepción da obra”. Estúa di que “en canto a este tipo de falsidades en Cervo chove sobre mollado, xa tivemos outro caso igual con un camiño en Espiñeirido e parece que non se aprende”.
Non queremos xudicializar a vida política pero esixiranse ao alcalde explicacións e o remate inmediato das obras
Aínda así, “os nacionalistas non son partidarios de xudicializar a vida política e limitaranse a pedir explicacións pormenorizadas sobre este asunto” e pedir ao goberno local que busque os recursos necesarios para acometer o remate destas obras no prazo mais breve posíbel.