Nota de prensa
FERNANDO SUÁREZ ESÍXELLE AO SUBDELEGADO DO GOBERNO MAIOR COORDINACIÓN ENTRE A GARDA CIVIL E A POLICÍA LOCAL PARA DAR COS AUTORES DOS ROUBOS COMETIDOS NAS ÚLTIMAS SEMANAS EN RIBADEO. E PÍDELLE QUE SE REFORCEN OS EFECTIVOS DE INVESTIGACIÓN.
Ribadeo, 29 de decembro de 2010. O alcalde, Fernando Suárez, esixíulle hoxe ao subdelegado do Goberno maior coordinación entre a Garda Civil e a Policía Local para dar cos autores dos roubos cometidos nas últimas semanas e días en Ribadeo e que se reforcen os efectivos de investigación para esclarecer os feitos.
Suárez Barcia dixo que “hai preocupación veciñal pola intensificación de pequenos roubos ou de tipo medio que se están a producir en Ribadeo ou nas parroquias do Concello e isto empeza a ser intolerable”. O rexedor explicou que “no día de hoxe voltei falar co sobdelegado do Goberno en Lugo para transmitirlle varios aspectos que eu considero que non se están coordinando ben. A culpa dos roubos téñena os que os cometen, pero tantas xuntas locais de seguridade que levamos tendo nas que desde o Concello, aínda que os medios que temos son limitados e dado que quen ten a competencia é a Garda Civil e en menor medida a Policía Autonómica, sempre ofrecemos e indicamos que debe haber máis colaboración coa Policía Local. Aínda que a Policía Local non patrulle polas noites sí que pode ter información sobre todo nos ámbitos urbanos de moitas cousas e de moita xente, pero sempre notamos que hai esa falta de comunicación entre Garda Civil e Policía Local e iso é o que lle reprocho ao subdelegado do Goberno, porque debemos actuar con maior intensidade, pero de maneira coordinada”.
Fernando Suárez considera que “de pouco sirve que o alcalde, desde hai uns tres meses, lle indique á Policía Local que ten que patrullar con maior intensidade polo extrarradio, si cando eles rematan o seu servizo iso non se segue a producir porque a Garda Civil igual non o fai, difícilmente poderemos tentar atallar esta situación”. O rexedor envía un aviso á cidadanía “para que si ve algo raro ou si hai algo que os sorprende que o poñan en coñecemento das forzas de seguridade, porque isto tamén é un pouco traballo de todos. Entre toda a sociedade de ben temos que tentar acabar con esta inseguridade. Eu confío, porque así mo dixo o subdelegado, en que melloremos a coordinación, pero pedínlle que se reforcen os efectivos de investigación porque moitos destes roubos non parecen tanto de banda organizada como de pequenos delincuentes. Isto non é unha misión imposible, non é descubrir a xente de Al Qaeda senón a cacos dunha entidade menor, que entendo non debería ser difícil dar con eles”. O alcalde de Ribadeo engadiu que “a Policía Local non ten a chave das noces para resolver este problema, pero o alcalde tampouco ten problema para que si desde a subdelegación nos indican que a Policía Local debe reforzar algún horario de noite tamén o faremos”.