VILLARES LÉMBRALLES AOS RESPONSABLES DA DEPUTACIÓN QUE A AMPLIACIÓN DO MUSEO DO MAR “ESTÁ NAS SÚAS MANS”
● O rexedor local fixo estas declaracións durante unha roda de prensa ofrecida este mediodía xunto co tenente de alcalde e parlamentario autonómico José Manuel Balseiro.
● Os dous edís cervenses reiteraron a necesidade de que os responsables provinciais adquiran un compromiso firme “e plasmado en negro sobre branco” da súa intención de adquirir o terreo colindante ao museo sancibrense.
Cervo, 3 de decembro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, lembroulles unha vez máis aos actuais responsables da Deputación de Lugo que a ampliación do Museo Provincial do Mar de San Ciprián “está nas súas mans”. O rexedor local fixo estas declaracións durante unha roda de prensa ofrecida este mediodía xunto co tenente de alcalde e parlamentario autonómico José Manuel Balseiro.
Na súa intervención Villares reiterou dos responsables provinciais un compromiso “firme e plasmado en negro sobre branco” da súa intención de adquirir a leira colindante ao museo sancibrense. “Levan tres anos e medio mareando a perdíz e xa non enganan a ninguén” asegurou o alcalde.
O rexedor fixo unha enumeración exhaustiva de tódolos trámites e xestións feitos polo Goberno local para facilitar que o ente provincial materializara a compra da finca necesaria para ampliar o museo. Neste senso recordou que existe dende 2005 un acordo plenario da corporación cervense adoptado por unanimidade no que se insta á Deputación a adquirir os terreos necesarios para ampliar o museo “e sen embargo, a pesares deste compromiso impulsado por tódalas forzas políticas deste concello e aprobado por concelleiros que agora teñen responsabilidades neste organismo, os actuais responsables provinciais non levan feito nada por materializalo e garantir deste xeito o futuro do Museo do Mar”.
Villares asegurou que os políticos que gobernan o ente provincial levan tres anos e medio mentindo en torno a este tema “porque se non, non se explica que estiveran dicindo reiteradamente que estaban en negociacións para comprar a finca e tivera que saír a súa propietaria a desmentir tales afirmacións asegurando que nunca lle fixeran unha oferta formal polos terreos”. Tamén dixo que o Concello fixera todo canto estivera na súa man para que a Deputación xestionase esta compra “e a pesares de terlle advertido que os propietarios tiñan solicitado un estudio de detalle nesa finca en infinidade de escritos e comunicacións nunca obtivemos nin unha soa resposta”.
Para Villares Bermúdez é triste que despois de todas as xestións feitas dende o Goberno local para dilatar ao máximo -“e dentro da legalidade”- a tramitación do estudio de detalle solicitado pola propietaria da finca “teñamos por riba que escoitarlles dicir aos responsables da Deputación que o Concello de Cervo carece de lealdade institucional neste asunto. E isto -continuou- é aínda máis triste se temos en conta que nesta corporación municipal hai membros que aparentemente gobernan ou teñen mando nesta institución: un coma membro do Goberno provincial e outro como asesor deste organismo”.