Site icon Crónica3.com A Mariña

Noelia Casariego gañou o concurso de microrelatos sobre violencia de xénero do Concello de Burela

Nota de prensa:
A HISTORIA POR ESCRIBIR DE NOELIA CASARIEGO É A OBRA GAÑADORA DO CUARTO CONCURSO DE MICRORELATOS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO QUE CONVOCOU A DELEGACIÓN DE IGUALDADE DE BURELA. EN TOTAL PRESENTÁRONSE 47 TRABALLOS.

Burela, 13 de decembro de 2010. A historia por escribir de Noriega Casariego é a obra gañadora do cuarto concurso de microrelatos sobre violencia de xénero que convocou a Delegación de Igualdade do Concello de Burela.

Neves Cando lembrou que “desde a Delegación de Igualdade convocamos o mes pasado por cuarto ano consecutivo o concurso de microrelatos sobre violencia de xénero, enmarcado nunha serie de actividades que arredor do 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, levamos a cabo para concienciar e denunciar este tipo de violencia”.

A edil nacionalista subliñou que “este ano a nosa satisfacción é grande porque superamos con moito a participación das edicións anteriores. Corenta e sete foron os relatos presentados e isto demostra que a nosa iniciativa vai caiando entre a xente e que cada vez son máis as persoas que visibilizan cos seus relatos o rexeitamento social contra a violencia machista. A parte dunha importante participación entre o alumnado de secundaria dos nosos institutos tamén foron moitas as persoas que individualmente nos enviaron os seus relatos desde distintos puntos da Mariña”.

Despois de reunirse o xurado esta mañá facíase público o resultado do concurso. Cando explicou que “o relato gañador do primeiro premio titúlase A historia por escribir de Noelia Casariego Pedreira, trátase dunha visión reivindicativa da liberdade das mulleres como auténticas protagonistas das nosas vidas e da nosa historia. O relato que leva o segundo premio foi escrito por un mozo de Burela de 15 anos José García Quelle e conta a historia de dous rapaces que son noivos e as primeiras actitudes que delatan xa un futuro comportamento violento. E o relato gañador do terceiro premio é de Lucía Díaz Pardiñas, unha historia sobre como viven os fillos unha relación con violencia de xénero e as consecuencias disto”.

A entrega dos premios terá lugar a finais de mes na Casa do Concello de Burela.

Exit mobile version