Site icon Crónica3.com A Mariña

No Encontro da Emigración 2010 que se celebra en Burela trataron sobre inclusión e cohesión social

Nota de prensa

ARIAS INAUGURA O ENCONTRO DA EMIGRACIÓN 2010, QUE REÚNE EN BURELA A INMIGRANTES RESIDENTES NA NOSA COMUNIDADE

* A delegada territorial subliña o “exemplo de integración e de interculturalidade” desta poboación mariñá

Lugo, 18 de decembro de 2010.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, foi a encargada de inaugurar o Encontro da Emigración 2010, que durante a xornada de hoxe reúne en Burela a emigrantes que residen en distintos puntos da nosa comunidade autónoma.

Arias apelou a esta localidade mariñá como “o noso mellor exemplo de integración e de interculturalidade dentro da provincia de Lugo”, polo que resulta “de todo punto lóxico escoller esta ubicación para celebrar un acto de cohesión social como este”.

A delegada sinalou que Burela “conta con segundas e terceiras xeracións de caboverdianos que xa son galegas e galegos. Ademais, peruanos, indonesios e senegaleses levan o  nome de Lugo e Burela polos mares do mundo, sumando todos eles máis do 11% da poboación do porto máis importante da Mariña”.

En suma, afirmou, “Burela reflicte a imaxe da Galicia na que hoxe vivimos e traballamos”, unha nova sociedade “na que cada vez ten menos sitio a intolerancia”, afirmou.

A delegada lembrou que o proceso da emigración “tense invertido en moi poucas décadas” e que non debemos esquecer que “a nós a emigración solucionounos gravísimos problemas económicos e sociais”, sendo agora “as xentes doutras latitudes as que ven a Galicia como a súa terra de promisión”.

Nesta xornada de encontro da emigración abordáronse cuestións relativas á inclusión e a  cohesión social. As intervencións corresponderon a Ana Pastor, vicepresidenta segunda da Mesa do Congreso dos Deputados, e Susana López Abella, secretaria xeral de Familia e Benestar.

Exit mobile version