Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural adica 395 mil euros a prevención de incendios e a tratamentos silvícolas na Mariña

Nota de prensa

ARIAS ANUNCIA EN CERVO UN INVESTIMENTO DE PRETO DE 400.000 EUROS EN LABORES DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS E TRATAMENTOS SILVÍCOLAS NA MARIÑA

* A delegada territorial da Xunta visitou hoxe as obras de repoboación que se levan a cabo no monte A Bidueira, próximo á capital do municipio mariñao

Cervo, 18 de decembro de 2010.- A Consellería de Medio Rural ven de adxudicar contratos para a realización de obras de prevención de incendios e de tratamentos silvícolas no distrito forestal da Mariña por importe global de 394.852 euros.

Así o expuxo a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, durante a visita aos traballos de reforestación que deron comezo nos últimos días nun monte próximo á capitalidade de Cervo, cuxo alcalde, Alfonso Villares, acompañou á representante do Executivo galego durante a revisión das tarefas desenvolvidas. A actuación lévase a cabo no monte A Bidueira, un espazo forestal no que se están a plantar especies autóctonas como castiñeiros, salgueiros ou abeleiras.

Esta iniciativa beneficia a unha área de 5 hectáreas e prima o uso social por parte dos veciños sobre a rendibilidade económica do monte. Na súa execución colabora a Asociación A Bidueira, de Cervo, presidida por José Francisco Rodríguez Mon, quen tamén acompañou á delegada nesta visita.

Arias referiu que na actualidade acométense na Mariña máis de medio cento de proxectos. A meirande parte do investimento, 229.784 euros en concreto, destínase a traballos preventivos contra o lume, centrados especialmente na mellora de devasas e de pistas,  tarefas de desbroce e habilitación de depósitos de auga.

No caso concreto do concello de Cervo, intégranse neste capítulo as obras de reforma dunha devasa na parroquia de Rúa, que afectan a 1,90 hectáreas de terreo, e na devasa de San Román (2,10 hectáreas), así como a ubicación do punto de auga -tamén na parroquia de Rúa-, e a mellora de 7 quilómetros da pista da Fraga, que chegará ata o refuxio dos cazadores.

Polo que respecta ás tarefas de repoboación forestal, Medio Rural actuará sobre 79,66 hectáreas dos concellos mariñaos de Ourol, O Vicedo, Viveiro e Xove, traballos aos que destina 141.852 euros.

A consellería utilizará  en todo caso especies autóctonas para proceder á repoboación, pinos na maior parte pero tamén bidueiros e carballos. Actuará nos montes de Castelo, Silvarrosa, Lombo do Medio, Padrón, Seixos Albos, Peón, a Serra de Loibán, Costa da Laxa Moura, a Costa de Cebrán e Raso.

Estes labores deron comezo hai algunhas semanas e estenderanse ata o exercicio do 2012, xa que teñen un prazo de execución de 18 meses.

Por último, rematan neste mesmo mes os traballos de tratamentos silvícolas aplicados en montes de Ribadeo e Trabada, nos que se investiron 23.216 euros.

Exit mobile version