Nota de prensa
MARISTAS VALENCIA-BURELA FS, DUELO NA ZONA ALTA
O Burela FS protagonizará mañá un dos duelos da zona alta da táboa no pavillón Politécnica de Valencia, ante o UPV Maristas (18.30 horas). Un suspiro separa a cuarta praza dos levantinos (30) da sexta dos mariñáns (29), empatados co BP Andorra.
Tres importantes puntos están en xogo nesta décimo sétima xornada, posto que unha vitoria lles brindaría aos laranxas un agradecido pulo clasificatorio na recta final da primeira volta. Na busca deste obxectivo, os pupilos de Suso Rey farán valer a súa férrea defensa ante o segundo máximo goleador de Prata; dos 65 tantos anotados polos valencianos, 24 teñen o selo do ala Jordi Lledó e 14 do pivote Silami.
O Maristas poñerá a proba a súa pista, onde só deixou escapar os puntos na primeira (Gáldar 5-6) e novena (Murcia 4-6) xornada. Os levantinos sairán con moitas ganas tras a derrota de liga en Navarra (3-1) e o apeo da Copa do Rei ante o Construcciones Gascó Alcoy (5-4), de Primeira A.
A última vez que se enfrontaron valencianos e galegos foi na liga de ascenso a Honra de 2008-09, con repartición de vitorias, para os primeiros na ida (3-2) e para os segundos na volta (1-0).
Minu, por problemas musculares, será a única baixa no banco de Suso Rey.
Outros enfrontamentos. En postos de play off, o líder, OPDE Ribera Navarra (37), visita a cancha do terceiro, Colegios Arenas Gáldar (33), e o BP Andorra recibe dende a quinta praza o Lanzarote Tías Yaiza, oitavo (24). Máis accesibles poderán ser as citas do Puertollano (33), segundo, e ElPozo Murcia (24), sétimo, que se miden ao Melilla, penúltimo, e Frontera Tobarra, antepenúltimo, respectivamente.