Nota de prensa
MÁIS TALENTO, MENOS CEMENTO ORGANIZA UNHA MESA REDONDA SOBRE “MODELOS DE XESTIÓN MUNICIPAL E CRECEMENTO SOSTÍBEL”
O grupo “Máis talento, menos cemento” vén organizando dende setembro de 2010 distintas actividades culturais no concello de Barreiros co obxectivo de concienciar aos veciños e veciñas deste concello de que existen outras alternativas a este tipo de crecemento baseado unicamente no urbanismo descontrolado; alternativas que xeran riqueza de xeito sostíbel, respectando e recuperando o seu patrimonio natural e cultural.
Durante os vindeiros meses estanse programando unha serie de actividades informativo-formativas, sobre urbanismo, crecemento sostíbel e alternativas económicas.
O vindeiro 28 de decembro, ás 19:30 horas, no teleclube de San Cosme de Barreiros terá lugar unha mesa redonda sobre “Modelos de xestión municipal e crecemento sostíbel” na que participarán o alcalde de Balboa (José Manuel Gutiérrez, do PP) e o alcalde de Santa Eulalia de Oscos (Antonio Riveras, de IU) e o alcalde de Allariz (Francisco García, do BNG).
A actividade consistirá nunha breve ponencia inicial na que cada un dos alcaldes presentará as políticas de xestión dos seus concellos e posteriormente unha mesa redonda moderada por un/unha membro de “Máis talento e menos cemento”.
Desde “Máis talento, menos cemento” o único que se pretende é que se poida coñecer de primeira man outros tipos de desenvolvemento que se levaron a cabo en distintos lugares, non só de Galiza (Allariz) senón de comunidades limítrofes como Asturias (Santalla de Oscos) ou Castela-León (Balboa). Aínda que ningunha experiencia é directamente exportable e que ningún dos concellos participantes é exactamente equiparable a Barreiros, é importante que se coñeza o que se fixo noutros lugares para poder intentar facer en Barreiros algo completamente distinto e orixinal pero, ao mesmo tempo, partindo de obxectivos semellantes.
Co afán de divulgar ideas procedentes de ideoloxías diversas, convidouse a un alcalde do Partido Popular, un de Izquierda Unida e un do Bloque Nacionalista Galego, porque entendemos que certas cuestións non teñen tanto que ver coa cor política como coa idea de fondo que se tenta desenvolver no concello.
“Máis talento, menos cemento” quere convidar a participar neste acto a toda a veciñanza, non só de Barreiros senón de toda A Mariña, porque sabemos que o tema do desenvolvemento sostíbel non afecta unicamente a este concello.