É lamentábel, señor Rajoy, que para defender o seu ideario político teña que acudir unha vez máis, chove sobre mollado, a tópicos despectivos cara á nosa identidade como galegos. Sen ir máis lonxe, este martes 28 (vaia día escolleu) empregou a expresión Pepiño para se referir a Xosé Blanco, e o artigo la para mencionar a Carme Chacón. Porén, gardou a cortés referencia a Zapatero e a Rubalcaba sen termo connotativo algún.
O señor Rajoy sacou a carauta; agora que se ve sobrado e sentindo o mel do poder ao carón dos seus beizos, xa non fai falta disimular. Arreo! Sen complexos! Que a maioría absoluta está aí. Rosa Díez á súa beira vai semellar unha probe afeccionada.
A súa actitude volve reflectir un claro sentimento de xenreira cara ás súas orixes. Presume Rajoy de ser de Pontevedra e de ter un avó que axudou a redactar o estatuto do 36, pero en calquera descoido escápaselle un ¡mira ese galleguiño! Que pouca memoria, señor Rajoy, que xa esqueceu como Aznar lle fixo tragar cuspe e lle mandou ler (declamar sería moito dicir) un poema en lengua vernácula, cando a noite da sinatura do acordo de goberno con CiU. ¡Qué se va a creer este Pujol que es el único que sabe hablar vernáculo!. Corría o ano 1996. Todo parecía indicar que ían comer o mundo e boa parte do universo. Bendito bicarbonato!
Pero despois de todo o dito tamén é de xustiza lembrar que quen máis méritos fixo nesta carreira por botar terra sobre a nosa propia lingua foi o arqui-embaixador (a quen Deus o ten ben preto do ceo) don Francisco Vázquez. Un e outro, Rajoy e Vázquez (o sir da Coruña) deron boas mostras de empregar arquetipos trasnoitados contra galegos, políticos rivais seus, a costa da nosa identidade. Se entre nós nos tratamos así, como imos querer que os demais nos respecten?!
Hai motivos máis que suficientes para criticar o labor político de Xosé Blanco. Vendernos, vía embaixador local (do goberno de España) que se asfaltaron uns mil metros da N-642 entre Porto e pouco máis alá de Porto, é pura mofa. Tardar tanto en licitar o tramo da N-640 Porto-A Pontenova (e a ver como saen as obras, que as do tramo A Pontenova-Meira, vaia poema!) é impresentábel. E iso por non falar dos graves recortes que lle están a meter ao cativo estado do benestar do que dispomos e as políticas de privatización emprendidas.
Pero todo isto non nos pode levar, a ninguén, a empregar tópicos do pasado sobre os galegos e as galegas para criticar a Xosé Blanco (ou calquera outro galego), alí onde estiver. Por certo: por que moitos políticos e políticas da nosa terra abandonan o nome galego (pola correspondente versión en castelán) ao aterraren na política madrileña ou europea? Acaso non o consideran digno mundo adiante?
Farruco GRAÑA