Días pasados inaugurouse no CENIMA de Foz a exposición “Feminismo Galego: cambios sociais e dereitos das mulleres” organizada por o Observatorio da Mariña pola Igualdade. É sabido que a loita por ésta entre os xéneros e a dignificación social, legal e moral da muller constitue acaso a mais importante reivindicación universal dos dous últimos séculos, e Galicia non é unha excepción . Os tráxicos sucesos de EE.UU.de 1908, ben coñecidos, deron pé a que a ONU declarase os 8 de marzo sucesivos como o Día Internacional da Muller, data a celebrar en todo o mundo para permanente lembranza da fonda inxustiza que vive o colectivo das femias en relación ós seus conxéneres masculinos, e tamén de enérxica reclamación para a normalización de tan nefasta como inxusta situación. Pero xa antes desa data tan significativa tíñanse alzado voces de mulleres progresistas da nosa terra denunciando públicamente a situación da muller en xeral e da galega en particular.Aínda que tan insignes donas coma Concepción Arenal (que para estudar na Universidade tivo que disfrazarse de home), Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro considéranse pioneiras reivindicando o acceso das mulleres á educación, hai unha referencia histórica que nos toca de preto: nos Xogos Florais de Lugo, do ano 1900, actuara como mantedora (feito insólito naqueles tempos) unha poetisa ourensá, membro da R.A.G, pròdigamente premiados os seus versos en distintos certames, voz sobranceira do feminismo católico galeguista, autora do celebrado poema “En defensa das mulleres”. Trátase da escritora Filomena Dato Muruais, que no discurso do certame lugués, dixera entre outras cousas: “El siglo que muere (XIX) abrió a la mujer las puertas del santuario de las ciencias. El nuevo siglo cuya aurora se acerca será testigo de la perfecta igualdad, ante la ley, del hombre y la mujer. Yo espero que muy pronto tendrá esta personalidad en el código civil, como la tiene ya en el Código penal. Ilustrad a la mujer, dadla la libertad de aprender y haced el bien igualándola a vosotros, y habreis mejorado el mundo”.
Suso Fernández