Site icon Crónica3.com A Mariña

Espectáculo de maxia en San Cibrao dentro das actividades de Nadal do concello de Cervo

Nota de prensa:
A Concellaría de Cultura colabora coa Xunta de Galicia e coa asociación galega de Magos Profesionais para desenvolver esta actividade programada dentro do V Circuíto Galego de Maxia 2010

O DOMINGO 26 DE DECEMBRO A CASA DA CULTURA DE SAN CIPRIÁN ACOLLERÁ UN ESPECTÁCULO DE MAXIA SEN PRECEDENTES NA NOSA COMARCA E CON MAGOS QUE ATESOURAN MÚLTIPLES PREMIOS

* Os magos Martin Camiña, Javier Muro, Benxamín, Román e o mimo-mago Anyo ofrecerán os seus espectáculos de ilusionismo a partir das 19.00 horas e con entrada libre e gratuíta.

Cervo, 23 de decembro.- Un día despois do Nadal, o domingo 26 de decembro, Cervo transformarase na capital da maxia na Mariña lucense. Nesa data está previsto que a Casa da Cultura de San Ciprián acolla un espectáculo sen precedentes na nosa comarca e no que participarán magos que atesouran múltiples premios nacionais e internacionais: Os ilusionistas Martín Camiña, Javier Muro, Benxamín, Román e o mago mimo Anyo.

Por un día os mellores trucos de ilusionismo abandonarán as televisións para pisar o escenario do auditorio de San Ciprián, a partir das 19 horas e con entrada libre e gratuíta para todo aquel que queira achegarse, segundo explicou a edil de Cultura e Xuventude, Chelo Gallego.

A actividade é posible grazas á colaboraicón do Concello de Cervo coa Xunta de Galicia e a asociación galega de Magos Profesionais. As tres entidades fixeron de San Ciprián unha das paradas obrigadas do V Circuíto “Nadal Máxico 2010”.

Chelo Gallego quixo convidar a todos os veciños e visitantes a este espectáculo de ilusión e fantasía que provocará múltiples sorrisos en nenos e maiores e que contribúe e engrandecer estas datas xa de por si máxicas do Nadal. O espectáculo, dirixido a todos os públicos, pretende amosar a maxia galega como referente de calidade de toda a cultura galega.

MAGOS QUE ATESOURAN MÚLTIPLES PREMIOS

A edición de Nadal Máxico 2010 permitirá gozar do saber estar, a experiencia e as ilusións máis insólitas de cinco magos, capitaneados polos presidente do colectivo profesional en Galicia e premio nacional de maxia Martín Camiña; a maxia internacional da manipulación dos obxectos, “dez dedos dez axudantes”, con Javier Muro; a maxia que nos atrapa, oprime pero que precisa un escapista coma é o Mago Benxamín; a intelixencia máxica do televisivo e premio nacional de maxia, Román García; e os trucos máis espectaculares no mundo co silencioso Magomimo Anyo.

VARIADA PROGRAMACIÓN DE NADAL

Nadal máxico 2010 é unha das citas máis salientables do variado programa elaborado polo Concello de Cervo e no que non faltan actividades dirixidas aos máis novos, deporte, obradoiros e unha espectacular cabalgata de Reis que terá lugar tanto en San Ciprián como en Cervo, organizado polas asociacións culturais locais.

Exit mobile version