Nota de prensa:
EON ESPAÑA FORTALECE A ESTRUTURA LARANXA CO APOIO Á ESCOLA DEPORTIVA
O CD Burela FS contará na presente campaña coa notable colaboración de Eon España no fortalecemento da súa estrutura dende as categorías de base. Deste xeito, o responsable de comunicación de EON España, Luis Hernando Vaquero, asistiu a semana pasada á presentación do acordo para o patrocinio da Escola Deportiva Municipal EON Burela FS durante a tempada 2010-2011.
Nenos e nenas das diferentes categorías laranxas, ademais de monitores e directivos, participaron na fotografía de grupo realizada no pavillón Vista Alegre, xunto a Luis Hernando. En total, máis de 150 rapaces, en 10 equipos entre prebenxamín e infantil, adestran a diario co CD Burela FS en 2010-11, no que constitúe a cuarta tempada do club mariñán xestionando a escola deportiva; xunto ás devanditas categorías, a entidade laranxa tamén dispón de conxuntos cadete e xuvenil.
Luis Hernando amosouse satisfeito polo traballo realizado desde a ED do Burela FS “pois proporciona un ámbito educacional e de formación en igualdade interesante para o futuro dos nenos e nenas”. En virtude do acordo asinado, EON participará tamén no patrocinio do primeiro torneo internacional de fútbol sala que o Burela FS proxecta para o ano 2011 tal e como advertiu Hernando: “parécenos francamente atraente a aposta pola base feita desde o Burela FS e, por iso, colaboraremos tamén na esponsorización do torneo”.
Pola súa parte, o director xeral do club laranxa, José Luis Sáez, quixo facer referencia á gran nova que supón para a entidade “que unha compañía do calado de EON apoie o proxecto laranxa e, por riba, se decida a prestarnos a súa colaboración para afianzar o deporte de base”.