O sábado, 25, no cemiterio de Foz, ós 98 anos, era soterrado o cadáver da mestra dona Inés Díaz García. Oriunda de Lourenzá, chegara á vila mariñeira, polo ano 50, na compaña do seu marido, tamén mestre, don Ramón Fernández Quiroga, e alí exerceron durante mais de 20 anos. A parella, entregada en corpo e alma á profesión e á familia, era arquetipo dos clásicos mestres modélicos, cuxas ensinanzas e exempro desbordaban as lindes das aulas: a modestia, austeridade, honestidade e dignidade, e o carácter bondadoso, sempre colaborador, facían deles persoaxes respectados e queridos, en especial polos seus discípulos. Tempos difíciles nos que os dous ensinantes non tiñan límite para o horario laboral, porque había que sacar adiante cinco fillos, en épocas duras, de tódalas carencias, ás que non eran alleos/as os/as profesionais do maxisterio. Este cronista, por razóns de idade, non asistiu ás súas crases, pero sí recibiu as súas ensinanzas. Foi cando, xa mozo casadeiro, no ano 1962 formouse unha comisión para recaudar fondos e instalar a calefacción no asilo; con tal fin representouse a comedia “La vida privada de mamá”, con este plantel : Carmucha de Severo, Geluca, Chicha Veiga, Ana e Paca da Botica, Angelines Otero, Pili Leitón e Marita; Pedro del Riego, Pepe Marful, Moncho Hermida, Chichita, Manolo de Paquita, Cesarín e o que suscribe. Un ano despois, os mesmos poñían en escena “Don Armando Gresca”. Ámbalas obras, dirixidas polos mestres, con decorados de M. Jaureguizar, foron senllos éxitos, con varias representacións e saídas a pobos da comarca . Así soubemos da personalidade de ambos. A bisoñez, o balbordo xuvenil e a rebeldía do inexperto personal poñerían a proba as virtudes, humanas e pedagóxicas, do exemplar matrimonio. Os partícipes na ilusionada experiencia nunca esquecimos o talante paternal, non exento da enerxía precisa, nen as leccións; as súas facianas reflectían a grandeza das almas sinxelas. Quede este breve apunte como homenaxe mínima a estes mestres de escola, e sobre todo, da vida. Desde a gratitude e o afecto, pregamos que descansen na paz.
Suso Fernández