Nota de prensa:
GARCÍA RIVERA OBSTACULIZA O PROXECTO DE MELLORA E POSTA EN VALOR DA ÁREA RECREATIVA DE OBISPO SANTO.
Foz, 22 de decembro de 2010.- Dadas as manifestacións vertidas nalgúns medios de comunicación polo Sr Alcalde de Foz, o voceiro local do Partido Popular, Pedro Fernández Manín intúe que o sr. García Rivera obstaculiza o proxecto de mellora e posta en valor da área recreativa de Obispo Santo, todo iso, pese a que se trata dunha iniciativa de grande importancia dentro das distintas melloras que se queren impulsar entre outras para acadar o recoñecemento de festa de interese turístico para a romaría que se celebra anualmente neste espazo e de tanta tradición no noso Concello.
Os populares subliñaron que o rexedor non quere dar valor a un documento que o representante da asociación cívico cultural Obispo Santo, presentou por rexistro poñendo a disposición do Concello de Foz os terreos onde levar a cabo esta infraestrutura de ampliación e mellora do campo da festa na citada área de utilización pública, esixindo que se ten que facer unha cesión da citada finca ao Concello en escritura pública, dado que os entes públicos non poden facer inversións en terreos privados; neste caso o Sr. Rivera ten experiencia suficiente, pode facer exame de conciencia, e logo mirar os informes emitidos polos seus técnicos.
O concelleiro popular sospeita que a actitude obstruccionista do Alcalde é debida a que a proposta da recuperación deste expediente prometido e esquecido sen facer nada do goberno anterior, partiu dunha iniciativa do Grupo Municipal Popular que no seu día contou co apoio das forzas políticas no Pleno. Malia todo a Alcaldía rexeita coa súa actitude esta posibilidade, pois decide antepoñer cuestións de sectarismo partidista aos intereses xerais dos veciños, que unha e outra vez descoida.