Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Asociación Lucense de Caza asinan conservarán da perdiz na provincia

Nota de prensa

Deputación e Asociación Lucense de Caza asinan

un convenio para a conservación da perdiz na provincia

O organismo provincial concede ó colectivo 15.000 euros para adquirir 2.000 exemplares desta especie e distribuílos nos tecores lucenses

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Asociación Lucense de Caza, José Luis Valcárcel Yánez, asinaron este mércores, no Centro de Interpretación de Terras do Miño, un convenio de colaboración mediante o cal o organismo provincial concede a este colectivo 15.000 euros para adquirir unhas 2.000 perdices, e distribuílas nos tecores da provincia co obxectivo de manter a especie. Gómez Besteiro subliñou que “o sector da caza é esencial na provincia, xa que representa ocio, cultura, gastronomía e, en definitiva, riqueza para Lugo. O seu control é, ademais, fundamental en canto ó medio ambiente, a nosa oportunidade económica, coa que debemos facer fronte ó avellentamento e á perda de poboación”.

A Asociación Lucense de Caza representa ós 14.000 cazadores cos que conta a provincia. A Deputación puxo a súa disposición hai máis dunha década un centro de recría de perdices na granxa chairega Gayoso Castro para continuar co seu labor sen perxudicar a conservación da perdiz.

Na actualidade, o organismo provincial comezará nesta zona coas obras de construción do Centro de Recría de gando frisón. Ante esta situación, a Deputación xa está a estudar un lugar axeitado onde situar unha nova granxa de perdices. Ó mesmo tempo, concede esta subvención para que o colectivo continúe coa súa actividade sen por en perigo á especie. O titular provincial lembrou que “a seguimos agardando pola Declaración de Impacto Medioambiental que debe concedernos a Xunta para iniciar as obras do Centro de Recría. Con todo, continuaremos traballando para xerar alternativas que impulsen o mundo da caza con outros convenios máis alá da repoboación da perdiz, ó igual que o imos facer coas Razas Rubia Galega e Frisona”.

Dende 1960, o declive sostido que sofren as poboacións de perdices no país, fixo que moitos lugares quedasen baleiros, outros cunha poboación en baixa densidade, e só en algúns existen medidas encamiñadas a súa conservación.

Exit mobile version