O CONCELLO SOLICITA A FOMENTO A MELLORA DA SEGURIDADE NO CRUCE DE FIGUEIRIDO
• O alcalde, Alfonso Villares, aproveitou a presencia de técnicos do ministerio nas obras que este organismo está facendo na ponte deste núcleo para pedir a colocación de biondas de seguridade na intersección da estrada n-642 coa estrada a Sargadelos (LU-1508)
Cervo, 11 de decembro de 2010.- O Concello de Cervo -a través do seu alcalde, Alfonso Villares- aproveitou onte a presencia de técnicos da demarcación de Carreteras do Estado nas obras de mellora e afianzamento da ponte de Figueirido que o Ministerio de Fomento está a facer actualmente na zona para solicitarlles tamén a mellora da seguridade vial neste punto da N-642 tan transitado.
Segundo indicou o rexedor local, a petición consiste na colocación de valados-biondas de seguridade no cruce que une a estrada nacional coa carretera local que vai a Sargadelos (LU-1508). “Trátase dunha reivindicación feita por varios veciños deste núcleo de poboación e aproveitamos a presencia dos técnicos de Carreteras para pedirlles que instalaran estos elementos de seguridade á vez que desenvolven as tarefas de afianzamento da ponte de Figueirido que están a facer actualmente. Creemos que é algo moi necesario, xa que é un punto que soporta un tráfico moi denso e por iso vemos imprescindible mellorar a súa seguridade tanto para os vehículos como para os peóns” salientou Villares
Obras na ponte
O primeiro edil cervense tamén aproveitou a presencia dos representantes da demarcación de Carreteras para interesarse sobre o desenvolvemento das obras na ponte de Figueirido. “Estivemos vendo en que medida poden afectar estas obras á rede de saneamento e abastecemento de auga e tamén fixemos fincapé na necesidade de que todos os pasos e camiños do arredores se manteñan practicables e en bo uso unha vez queden rematados todos os traballos” sinalou o alcalde.