* Carta a un maltratador é unha narración de Carmen Ventoso Lista
Cambiando de tema, o luns pelexeime cun rapaz no colexio. Non te preocupes porque gañei eu. Despois de que me pegara o primeiro empurrón, acordeime de cando lle pegabas a mamá. Nunca o facías coa man aberta, así que deille un “puñetazo” a Óscar na cara. Quedoulle o ollo dunha cor morada, como tirando a negro, case a mesma cor que tiña mamá cando batera co marco da porta. Vaia coincidencia!
Despois a directora do colexio castigoume, pero eu insulteina como facías ti, para ver se así me tiña medo e me deixaba en paz. Pero ela non era como mamá, canto máis lle berraba, máis me castigaba.
Ben papá, teño que despedirme, que pola tarde celebro o meu sétimo cumpreanos e teño que ir ver a mamá o cemiterio. Ela sempre decía que pasara o que pasara estaría o meu lado. Que mentirosa! Agora está soterrada baixo o nicho 61 e son eu o que sempre teño que ir ó seu lado. Ademais, cando vou pola rúa, camiño do cemiterio, as señoras maiores sempre me din:-Pobre neniño, que perdeu a seus pais!
Eu penso que debe ser cousa da idade porque non as entendo; ti estás no cárcere e mamá no cemiterio así que non perdín a ningún.
Un bico, papá! Quérote moito
Martiño
*Traballo orixinal de Carmen Ventoso Lista, gañador da certame de narración “Carta a un maltratador” da delegación de Asuntos Sociais de Cervo