Nota de prensa
Deste xeito o Instituto de Vivenda e Solo desbloquea dous proxectos paralizados polo anterior Goberno bipartito que “dun xeito sectario decidiu privar aos veciños destes concellos do acceso a vivendas a prezos accesibles” segundo informou o deputado popular José Manuel Balseiro quen solicitou esta información da Xunta
A XUNTA CONFIRMA AO PPDEG QUE ADXUDICARÁ NO PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO OS PROXECTOS BÁSICOS PARA A CONSTRUCIÓN DE 26 VIVENDAS SOCIAIS NOS CONCELLOS LUCENSES DE TRABADA E ALFOZ
o O investimento previsto supera os 3 millóns de euros e tras a adxudicación dos proxectos en dous meses estarán redactados, incluídos os estudos xeotécnicos
Trabada, 09 de decembro de 2010.- A Xunta de Galicia adxudicará no primeiro trimeste do ano próximo os proxectos básicos para a construción de vivendas sociais nos concellos lucenses de Trabada e Alfoz. Así o indicou o Director Xeral do Instituto de Vivenda e Solo ao deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro, despois de que este solicitara información, e este así mesmo o deu a coñecer hoxe, acompañado polos alcaldes destas localidades, Jose Manuel Yanes Ginzo e Emilio Lousas.
O investimento para a execución destas vivendas superará os tres millóns de euros e a previsión que manexa a Administración autonómica é que tras a adxudicación destes proxectos, no primeiro trimestre do 2011, estean redactados nun prazo máximo de dous meses. Ademais os proxectos construtivos incluirán os estudos xeotérminos unha das actuacións técnicas máis complexas e que maior demora administrativa supoñen, segundo informou o deputado popular.
No concello de Trabada a previsión do IGVS é construír 18 vivendas de promoción pública nun solar de titularidade municipal de 3.741 metros cadrados cedido polo Concello por acordo do seu Pleno o 4 de setembro de 2009. Os terreos sitos na rúa San Roque son contiguos ao lugar no que se desenvolveu a primeira promoción de vivendas.
No concello de Alfoz as previsións da Xunta é construír oito vivendas de promoción pública, cun investimento próximo ao millón de euros, tamén nuns terreos cedidos ao efecto polo Goberno municipal.
DESBLOQUEA PROXECTOS PARALIZADOS POLO BIPARTITO
Segundo explicaron os populares deste xeito o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) desbloquea dous proxectos paralizados no seu día polo anterior Goberno bipartito. “Socialistas e nacionalistas decidiron dun xeito sectario privar aos veciños destes concellos do acceso a vivendas a prezos accesibles” e “o que outros non fixeron en catro anos, nós estamos en disposición de facelo realidade durante o 2011” indicou José Manuel Balseiro.
No caso de Trabada o proxecto naceu en maio de 2005. Nesa data o Goberno municipal solicitou esta actuación ao abeiro da resolución de 26 de maio dese ano (DOGA 104). A empresa que redactou o proxecto incluso adquiriu os terreos. En marzo de 2006 o alcalde mantivo unha xuntanza coa entón conselleira de Vivenda, a nacionalista Teresa Táboas, quen en nota oficial falaba da boa disposición para levar adiante o proxecto, pero un mes despois a Xunta bipartita declaraba deserto o concurso. A devandita decisión provocou un grave dano aos veciños deste concello e a administración local que tivo que facerse de novo cos terreos asumindo a súa compra cunha disposición de crédito.
No tocante ao concello de Alfoz, aconteceu unha situación similar cando en xullo de 2005 o Pleno municipal acordou tamén a cesión dos terreos a favor da empresa que tiña previsto executar estas vivendas ao abeiro das axudas outorgadas polo IVGS. A Consellería bipartita desbotou este proxecto tras declarar deserta estas axudas, botando por terra tamén as necesidades dos veciños deste concello.
VIVENDA ASIGNATURA PENDENTE DO BIPARTITO
Segundo indicou o deputado do PPdeG, ao igual que no resto de España, pero en maior medida, o incremento do prezo da vivenda foi exponencial nestes últimos anos nas bisbarras da Mariña lucense. “Un incremento ao que ademais agora debemos engadir os efectos perniciosos das subas de impostos decididas do Goberno socialista central, que contribúen a diminuír a renda dispoñible dos veciños e polo tanto facer aínda máis complicado que poidan acceder a unha vivenda en aluguer ou propiedade, de xeito especial, entre a xuventude” indicou Balseiro.
Alleos a esta situación, a promoción pública de vivenda na Mariña lucense desapareceu na anterior lexislatura, segundo o deputado popular. Para este os datos oficiais acreditan que fronte as 276 vivendas iniciadas no período 2000 e 2005 en 11 concellos diferentes o bipartito so levou adiante 42. Isto é, “ o PPdeG impulsou sete veces máis promocións de vivenda pública que o PSOE e BNG na Mariña lucense e mentres que un Goberno popular mobilizou 18 millóns de euros, a coalición bipartita tan so achegou 2,5, finalizou dicindo José Manuel Balseiro.