Nota de prensa
O Diario Oficial de Galicia anuncia a apertura dun plazo de dous meses para presentar alegacións ao plan sectorial para a mellora e ampliación das infraestruturas básicas de saneamento, abastecemento e rede viaria no concello de Barreiros
BALSEIRO INDICA QUE O CONVENIO PARA A MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS EN BARREIROS PROSIGUE A SÚA TRAMITACIÓN ADMINISTRATIVA TRAS SOMETERSE A INFORMACIÓN PÚBLICA O SEU PLAN SECTORIAL
o O deputado popular subliña que o novo Executivo galego en vez de buscar a confrontación partidista que en nada beneficiaba aos veciños deste concello traballou para solucionar a problemática xerada polo bipartito e de feito o percorrido do plan sectorial continúa ao ritmo que lle obrigan os trámites administrativos pero sen pausa.
Barreiros, 10 de decembro de 2010.- O deputado popular Jose Manuel Balseiro indicou que o convenio para a mellora e ampliación das infraestruturas e servizos no concello de Barreiros continúa o seu camiño ao ritmo que lle obrigan os trámites administrativos “pero sen pausa”. De feito hoxe mesmo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o anuncio polo que se somete a información pública, por un prazo de dous meses, o seu proxecto sectorial. Os interesados poderán consultar o documento e realizar cantas alegacións estimen oportunas respecto do seu contido.
CONVENIO PLURAL
Deste xeito dáse un paso máis para executar durante a anualidade próxima o convenio de colaboración asinado entre a Xunta, a Deputación e o Concello para desbloquear os problemas urbanísticos do municipio, ao que a administración autonómica achegará nos vindeiros meses 5,6 millóns de euros.
MELLORA DOS SERVIZOS BÁSICOS
O Goberno galego o pasado mes de setembro declarou a incidencia supramunicipal o plan sectorial que habilitará a execución das obras de abastecemento, saneamento e mellora da rede vial que proporcionen aos veciños de San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante e Reinante, os servizos básicos necesarios para o desenvolvemento da súa vida diaria.
SOLUCIÓNS, NON ENFRONTAMENTOS PARTIDISTAS
Balseiro subliña que o Goberno de Feijoo lonxe de sumarse a unha loita partidista que en nada beneficiaba aos veciños deste concello traballou na procura de solución á actual situación de parálise na que se atopaba o desenvolvemento urbanístico deste municipio. Unha parálise operada desde o anterio goberno bipartito e que supuxo un profundo impacto económico non só no sector da construción, senón tamén nas empresas auxiliares de Barreiros, na Mariña lucense e toda a provincia de Lugo, que se veu agravada pola actual conxuntura económica.
LONGO PERCORRIDO ADMINISTRATIVO
O plan sectorial ten por obxecto presentar unha actuación concreta e determinada, cun nivel de detalle propio dos proxectos de urbanización. O procedemento legalmente establecido para materializar o convenio deberá superar un longo percorrido administrativo, unha vez sometido a información pública, terá que superar o peche do prazo de información pública, a solicitude de informes sectoriais, a avaliación ambiental estratéxica e o informe definitivo.