Nota de prensa
40 rapaces de Burela coñecen as vantaxes do Innova-TE da Deputación no Pazo de San Marcos
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, recibiu este luns no Pazo de San Marcos a 40 alumnos de 3º e 4º da ESO do colexio Monte Castelo de Burela logo de que os rapaces se interesasen por coñecer a actividade que está a desenvolver o organismo provincial.
Lara Méndez explicou que a Deputación está a traballar no Innova-TE, o programa tecnolóxico dotado de 9 millóns de euros, -co-financiado nun 70% con fondos da Unión Europea e nun 30% polo INLUDES-, que permitirá a implantación total da e-administración na provincia nun tempo récord de menos dun ano.
Os alumnos coñeceron o Centro de Proceso de Datos (CPD) que se sitúa na sede provincial. Trátase do sistema que almacena e centraliza a información do organismo provincial e dos 51 municipios que se adheriron de forma voluntaria ó proxecto, para que, inicialmente, os cidadáns poidan realizan dende a Rede 120 trámites coa administración. Méndez salientou que “o CPD é o corazón do noso programa tecnolóxico, o sistema que bombeará os datos dende a Deputación ós Concellos e viceversa, para que poidamos inscribirnos en cursos, pedir certificados de empadroamento, ou pagar tasas dende Internet”.