Nota de prensa:
APROBADA UNHA INICIATIVA SOCIALISTA PARA DECLARAR BEN DE INTERESE CULTURAL OS RECINTOS DOS COMPLEXOS CO CASTRO DE SAMOEDO E SARGADELOS
– O deputado Francisco Cerviño di que ninguén pode negar que deben ser hoxe considerados “de interese relevante para a permanencia e identidade cultural galega a través do tempo”
– Cerviño destacou o traballo incansable de Isacc Díaz Pardo no mecenazgo de Edicións do Castro “gracias infinitas pola súa labor”
– Asegurou que para que haxa unha continuidade laboral na empresa Sargadelos é fundamental o mantemento e conservación das súas infraestructuras
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2010. O parlamentario socialista Francisco Cerviño interveu hoxe no Pleno da Cámara, mediante unha proposición, para reclamar á Xunta que inicie axiña os expedientes para declarar Ben de Interese Cultural os recintos dos complexos do Castro de Samoedo e Sargadelos, ligados ao Laboratorio de Formas, incluíndo as coleccións e bibliotecas neles contidos. A iniciativa, que foi transaccionada, foi aprobada por unanimidade.
Na súa intervención Cerviño destacou o traballo incansable de Isacc Díaz Pardo no traballo de mecenazgo de Edicións do Castro e no complexo de Sargadelos “gracias infinitas pola súa labor”. Replica que a modernidade e vangarda cultural de Galicia están reflectidos no Laboratorio de Formas. E asegurou que para que haxa unha continuidade laboral na empresa Sargadelos é fundamental o mantemento e conservación das súas infraestructuras.
Cerviño explicou que o Laboratorio de Formas (LF) e os complexos do Castro de Samoedo (Sada) e Sargadelos (Cervo), constitúen un conxunto de bens materiais e inmateriais insuperable que “polo seu recoñecido valor propio”, e por iso deben ser “considerados como de interese relevante para a permanencia e identidade da cultura galega a través do tempo”.
Advirte que estes dous conxuntos arquitectónicos, que responden tamén ao concepto de bens inmateriais, porque, como se di nunha publicación de Edicións do Castro: “fican vencelladas por unha arela común agromada por galegos desterrados na América: volver traballar a prol do país, estudando, producindo e divulgando; traspasando cos máis adiantados coñecementos o fondo esencial e diferencial de Galicia”.
A maiores di que ninguén pode negar que deben ser hoxe considerados “de interese relevante para a permanencia e identidade cultural galega a través do tempo”. Dixo que ninguén pode negar que o éxito da empresa foi extraordinario, e deste importantísimo patrimonio inmaterial, xerouse un patrimonio material excepcional no Castro de Samoedo e en Sargadelos.
O Castro de Samoedo está constituído por tres edificios: A fábrica de Cerámica, cun mural de grandes dimensións de Luis Seoane, o edificio hexagonal de Fernández Albalat que alberga o Museo Galego de Arte Contemporáneo, e o laboratorio de Industria e Comunicación, que contén a colección de pezas orixinais de cerámica deseñadas por Isaac Díaz Pardo, de gran valor artístico e histórico, cunha fermosísima escaleira exterior de porte estructuralista e, cos seus anexos de taller de artes gráficas, fornos e papel. No exterior do edificio hexagonal hai unha fermosa fonte de Pérez Porto, que celebra o 100 aniversario do nacemento de Castelao.
En Sargadelos, o conxunto de edificios está formado polo de planta circular co Laboratorio de Formas e Construción, e as salas de exposición e os museos de cerámica, o edificio semicircular onde está o seminario Sargadelos, e os edificios do Laboratorio de Análise (Cristal), Planta xeral de reprodución, e o de secadoiros e formas, todo iso unido por torres de enlace e pasos aéreos, de gran beleza e donaire, de influenza estructuralista, obra de Fernández Albalat, e, ao parecer, con deseño do propio Isaac Díaz Pardo.
TEXTO APROBADO POR UNANIMIDADE NO PLENO DO PARLAMENTO;
Reclamar á Xunta que inicie axiña os expedientes para declarar Ben de Interese Cultural os recintos dos complexos do Castro de Samoedo e Sargadelos, ligados ao Laboratorio de Formas, incluíndo as coleccións e bibliotecas neles contidos; de xeito que o expediente relativo ao Complexo de Sargadelos complete integramente a declaración en vigor.