Nota de prensa
QUE O NADAL NON DANE A BIODIVERSIDADE
Colabora para facermos un Nadal 2010 máis verde e bio-diverso
A celebración do solsticio de inverno ou da festa relixiosa converteuse para a maioría nunha festa do consumismo. Na sociedade actual somos representados como cidadáns consumistas, que en decembro exaltamos esta faceta de xeito que este podería ser tamén o “mes do orgullo consumista”. No entanto, cada vez somos máis o que opoñémonos a esta esquizofrenia das compras superfluas.
É probable a crise económica contribúa a reducir o impacto, pero o ambiente leva décadas clamando por unha redución no ritmo de consumo de recursos naturais. Constátase un gasto de enerxía superior ao necesario, unha produción de residuos esaxerada, o aumento do uso do transporte privado, o incremento de emisións de efecto invernadoiro e da contaminación en xeral… Son estes os síntomas de unha sociedade en perigo.
A conservación da natureza e da súa diversidade, precisamente neste Ano Internacional da Biodiversidade, pasa polo seu coñecemento e respecto, tamén en épocas festivas. Velaquí algúns consellos para que durante estas festas, os nosos comportamentos non contribúan aínda máis a degreadar o noso patrimonio natural:
-De agasallar mascotas (millor en adopción procedente dun refuxio de animais) ou plantas, hai que ter en conta que a persoa á que vai destinada será a responsábel de coidala axeitadamente todo o ano. Poderá?… Con todo, procurar evitar agasallos de animais ou plantas exóticas porque poden provir de ecosistemas en perigo. Ademais, a súa liberación fortuita ou benintencionada no noso ambiente pode causar graves danos á biodiversidade autóctona.
-Na nosa mesa mellor produtos locais e de tempada, sen esaxerar en cantidade para non ter que tirar despois a comida. Evita aqueles alimentos que percorreron moitos Kms até o noso prato procedentes de monocultivos en zonas taladas de bosque tropical, como son as ananas, ou ben de ecosistemas fráxiles, como o caso da cría de lagostinos nos manglesais. Innova este ano e muda de menú, compra produtos ecolóxicos e de comercio xusto.
-Non espolies o monte, evita arrincar seres vivos para os adornos naturais. Especies como o acivro ou a xilbardeira (ruscus) foron comunmente arrincados para este fin. Mellor que eles fiquen no medio natural e nós botémoslle imaxinación á hora de engalanar a casa.