Nota de prensa
ATA O 22 DE DECEMBRO ESTARÁ ABERTA NA OMIC A EXPOSICIÓN SOBRE A CARTOGRAFÍA DA TOPONIMIA DE RIBADEO. DESPOIS PERCORRERÁ AS PARROQUIAS DE RIBADEO PARA QUE OS VECIÑOS POIDAN FACER AS APORTACIÓNS QUE CONSIDEREN OPORTUNAS.
Ribadeo, 15 de decembro de 2010. Ata o 22 de decembro estará aberta na OMIC de Ribadeo a exposición sobre a cartografía da toponimia de Ribadeo, que foi presentada este mediodía.
A concelleira de Cultura subliñou que “desde hoxe os veciños e as veciñas de Ribadeo poden ver na OMIC uns mapas sobre a toponimia do noso concello, tanto das parroquias como do casco urbano que foron elaborados nos últimos anos. A partires do ano 2000 a través da Consellería de Medio Rural fíxose un estudio de toda a toponimia e microtoponimia do noso concello, o traballo concluiu na súa primeira fase e hai unha exposición de toda a cartografía que se foi recollendo”.
Mariluz Álvarez Lastra sinalou que “este traballo é un preámbulo do que faremos a continuación, trátase de que a xente volte a ver as aportacións realizadas, sitúen e revisen aqueles nomes que non aparecen ou corrixan aqueles outros que poden ter defectos para tentar recuperar o noso patrimonio inmaterial. É unha recomendación da Unesco e a nós nos parece fundamental que se recuperen os topónimos daqueles lugares que existiron no noso concello. As persoas que así o desexen poden visitar ata o 22 de decembro eses mapas na OMIC e o seguinte paso será levalos ás parroquias para que se supervisen e para mandar a información que precisen”.
Lastra engadiu que “tamén se presentou unha páxina que existe na Xunta (sitga.xunta.es) onde se pode ver a recollida de toda esa información tanto do noso concello como do resto de Galicia e facer as aportacións que consideren oportunas. Dar as grazas aos veciños que participaron neste traballo de recuperación tan importante para que o noso patrimonio cultural e inmaterial non se perda e saibamos aproveitalo da mellor forma posible e que quede constancia del”.
A acto deste mediodía asistiron, entre outros, Severino Álvarez, director xerente da SA para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e Xermán García, director do PTG e secretario da Comisión de Toponimia da Xunta.