Nota de prensa
A XUNTA ESTÁ A ELABORAR UN PLAN DE EMERXENCIA EXTERIOR PARA ALCOA, EN CUMPRIMENTO DO NOVO DECRETO SOBRE XESTIÓN DE RESIDUOS
* Na actualidade non é preciso este plan e a empresa xa conta cun plan propio para o depósito de lodos, presentado ante a Consellería de Industria
Santiago, 23 de decembro de 2010.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza está a elaborar un Plan de Emerxencia Exterior para a planta de alúmina que a empresa Alcoa ten en San Ciprián (Lugo), de tal xeito que dispoña del antes de maio de 2012, tal e como obriga o novo decreto sobre xestión de residuos.
Así o explicou hoxe no Parlamento galego o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, que recordou que na actualidade non é necesario contar con dito plan e tamén destacou que Alcoa xa conta con un plan propio elaborado pola empresa e destinado de xeito específico ao depósito de lodos, que foi presentado ante a Consellería de Economía e Industria, na delegación de Lugo.
Deste xeito, o director xeral quixo deixar claro que se está a cumprir escrupulosamente a lexislación vixente e que a seguridade está plenamente garantida co plan de emerxencias que ten Alcoa e cos plans municipais de emerxencia e coa posible activación do Platerga (Plan Territorial de Galicia), que agora se verán reforzado proximamente co plan que está a elaborar a Xunta en colaboración cos técnicos da propia empresa.