Nota de prensa 1/2
A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE E O CD BURELA FS ASINAN O PATROCINIO DE DEPORTE GALEGO E GALICIA CALIDADE
A Casa do Mar da localidade mariñá acolleu o acto, que contou coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o xefe do Servizo Provincial de Deportes de Lugo, José Manuel Rozas; e o directivo burelista José Luis Sáez, recentemente nomeado director xeral da entidade por unanimidade da xunta directiva. Tamén asistiron o xerente da Fundación Deporte Galego, Javier Rico, e o deputado provincial por Lugo e portavoz do GMPP en Burela, José Mª. González Barcia.
José Ramón Lete, que compartiu impresións con membros das diferentes categorías burelistas, transmitiu o compromiso da Secretaría Xeral para o Deporte cos clubs galegos: “Queremos apoiar os equipos galegos de alta competición nun momento no que é moi difícil para eles o mantemento do apoio da empresa privada. Estes clubs, que soportan a base do deporte de Galicia, promoverán o Deporte Galego e a marca Galicia Calidade no ámbito nacional e internacional”. O secretario xeral felicitou a directiva, xogadores e xogadoras pola súa dedicación ao fútbol sala: “Aquí está o presente e o futuro do fútbol sala; os equipos sénior do CD Burela FS sodes un exemplo de xogo limpo e traballo para os nenos”.
Pola súa banda, José Luis Sáez agradeceu e recoñeceu o esforzo da Administración como unha “valiosa axuda que redundará na potenciación do noso club dende as categorías inferiores como o seu activo máis importante”.
O devandito plan de patrocinio é unha iniciativa da Fundación Deporte Galego que puxo en marcha en 2009-10. O selo de Deporte Galego irá acompañado en 2010-11 polo de Galicia Calidade nos soportes publicitarios do Burela FS e Burela FSF Pescados Rubén, en substitución do Xacobeo 2010, que se empregou a pasada campaña.
Nota prensa 2/2
A SECRETARÍA XERAL PARA O DEPORTE PATROCINA CON MÁIS DE 327.000 EUROS OS EQUIPOS DE ALTA COMPETICIÓN DA PROVINCIA DE LUGO
Lugo, 17 de decembro de 2010.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou hoxe, nun acto celebrado en Lugo e noutro en Burela, as adxudicacións ás 10 formacións deportivas da provincia de Lugo, beneficiarias da primeira fase do Plan de patrocinio dos equipos de alta competición da tempada 2010/11.
Deste xeito, os clubs da provincia luguesa recibirán máis de 327.000 euros, do 1,6 millón de euros destinado a esta primeira fase do plan, que está dirixida aos clubs que participan en competicións en sistema de liga regular. Concretamente, no caso de Burela, serán dous os equipos beneficiarios destes patrocinios, que ascenderán a un total de 65.963,93 euros. Nos primeiros meses do ano 2011 asinaranse os contratos cos clubs da segunda fase, que son aqueles cuxa competición máis relevante aínda non comezou.
O Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia é unha iniciativa da Fundación Deporte Galego que se desenvolve por segundo ano consecutivo. A marca Deporte Galego irá esta temporada acompañada pola de Galicia Calidade nos soportes publicitarios dos equipos adxudicatarios, en substitución do Xacobeo que se empregou a pasada campaña.
Con esta actuación a Secretaría xeral para o Deporte quere apoiar os equipos galegos de Alta competición, nun momento no que é moi difícil para eles o mantemento do apoio da empresa privada. Estes equipos, que soportan a base do deporte de Galicia, promocionarán o Deporte Galego e a marca Galicia Calidade no ámbito nacional e internacional.
O requisito para ser beneficiario deste plan é contar con equipos nas competicións de primeiro e segundo nivel nas modalidades deportivas en que a competición de máximo nivel se desenvolve, na categoría absoluta, en sistema de liga regular á que se accede por clasificación, con ascensos e descensos de categoría e cun volume de desprazamentos frecuente. Quedan excluídos os participantes nas recoñecidas como ligas profesionais, a 1ª e 2ª división de fútbol e Liga ACB de baloncesto.
Sinatura cos 10 equipos beneficiarios da provincia
As entidades beneficiarias dos patrocinios da provincia de Lugo repártense un total de 327.803,41 euros, que se distribúen entre as seguintes entidades: os equipos de voleibol Agrupación Deportiva A Pinguela (Monforte de Lemos) e CV Emeve Lugo, masculino e feminino; os equipos de fútbol CD Lugo e Peluquería Mixta Friol; os equipos de fútbol sala CD Burela FS, masculino e feminino, e o Prone Lugo AD; e os equipos Club Baloncesto Breogán e Porta XI Club Baloncesto.