Nota de prensa
SOLIDARIEDADE BURELISTA, COA PATACA NARANXA E A CRUZ VERMELLA
Por sétimo ano consecutivo, a peña burelista A Pataca Naranxa colabora coa Cruz Vermella de Burela na iniciativa solidaria “Un xoguete, unha ilusión”. Coa devandita campaña de recollida de xoguetes, ambos os colectivos contribúen para que todos os nenos e nenas poidan gozar da maxia do Nadal cun regalo.
Ata finais de mes, todas as persoas interesadas poderán depositar os seus agasallos no pavillón Vista Alegre, de luns a venres pola tarde, coincidindo coa apertura das instalacións deportivas para os diferentes adestramentos, e nos partidos do primeiro equipo masculino na casa, o 4 (Albacete 2010 FS) e o 18 de decembro (Colegios Arenas Gáldar).
A Pataca Naranxa tamén manterá o servizo de recollida a domicilio, co que comezou o ano pasado. Poderase concertar a través do número de teléfono 607 74 87 86.