Nota de prensas
A Mariña, protagonista de catro das seis rutas
de Km0 previstas para esta semana
Preto de 300 persoas redescubrirán estes días a Costa luguesa, a Ribeira Sacra
e a Terra Chá co programa co que a Deputación crea emprego na provincia
A Deputada de Economía, Regina Polín, recibiu este martes a un grupo de solicitantes individuais e a outro da Asociación de Xubilados de Taboada dentro de Km0, o programa co que o organismo provincial demostrou que o medio ambiente é a oportunidade económica da provincia e contribúe a manter uns 3.000 postos de traballo directos e indirectos en distintos sectores. Esta semana a Mariña é a protagonista das rutas elexidas polos participantes, xa que 4 das 6 viaxes previstas inclúen visitas a esta zona da provincia. Concretamente, 206 persoas das 278, que participarán esta semana no programa impulsado pola Deputación, redescubrirán ós Concellos de Foz, Ribadeo e O Vicedo.
Os solicitantes individuais percorreron o Centro de Artesanía e Deseño para logo desprazarse ata o municipio focense, onde coñeceron as praias da Rapadoira e o porto. Tamén fixeron a ruta de sendeirismo polo río Ouro e visitaron as ruínas do Castelo-Fortaleza Pardo de Cela. Pola súa banda, os veciños de Taboada elexiron o Mazo de Santa Comba, dentro dos centros dependentes da Deputación. A continuación, no municipio de Ribadeo, percorreron o Centro de Cultivos Mariños, o casco histórico e o Mosteiro das Clarisas. Completaron o itinerario cun paseo pola ría.
O mércores, veciños de Xermade optarán pola ruta “Illa Coelleira”, que inclúe un percorrido dende o faro ata o mirador, ademais de sendas visitas á praia e ó porto do Vicedo. Previamente, coñecerán o Mazo de Santa Comba. Ese mesmo día, integrantes da asociación de viúvas “Pilar Otero” de Foz redecubrirán a oleiría de Bonxe para logo viaxar ata o sur da provincia, onde coñecerán o balneario de Augas Santas, o Pazo de Goián e a adega Moreiras.
Finalmente, o xoves, un grupo da Asociación de Veciños de Requeixo (Chantada) decantaranse polo municipio de Foz, onde farán un percorrido a pé ata o Pozo da Onza, e visitarán a igrexas de Cangas, a praia da Polas e Xuncos, o porto de Nois e o castro de Fazouro. Asimesmo, membros da Asociación Artística-Recreativa da Muller Traballadora de Lugo, logo de seren recibidas no Pazo de San Marcos, coñecerán as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño. A continuación, desprazaranse ata Xermade, municipio no que visitarán o parque eólico de Sotavento e o taller de madeira.