Site icon Crónica3.com A Mariña

A internacional brasileira Vanessa Pereira procedente do UnoChapecó arriba ás filas burelistas

Nota de prensa

A INTERNACIONAL BRASILEIRA VANESSA PEREIRA ARRIBA ÁS FILAS BURELISTAS

A internacional brasileira Vanessa Pereira arriba ás filas burelistas, procedente do prestixioso UnoChapecó, tricampión da Liga canarinha. A ala zurda, de 22 anos, foi presentada nas oficinas laranxas polo presidente da entidade, José Ramón González Casas, e o directivo Marcelino Luna.

A última incorporación do Burela FSF Pescados Rubén chegou á Mariña tras proclamarse campioa co Brasil no I Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino (Madrid, 6-11 decembro), xunto á meta laranxa Jozi.  Con toda unha vida ligada ao fútbol sala, a traxectoria de Vanessa (Pato de Minas, 1988), considerada como unha das mellores xogadoras do mundo está avalada por dous dos clubs de referencia no seu país de orixe, Kindermann Caçador (2006-07) e UnoChapecó (2008-10); unha lista infinita de títulos co cadro chapecoense loce na vitrina da deportista como o Campeonato Mundial Universitário (2008, 2010), Taça Brasil (2009, 2010), Taça das Naçoes (2009, 2010), Jogos Abertos de Santa Catarina (2009), Jogos Abertos Brasileiros (2010), Jogos Universitários de SC (2009, 2010) ou o Campeonato Catarinense (2009, 2010).

A brasileira amosou a súa ilusión no emerxente proxecto burelista: “É doado chegar a un club e dedicarse a xogar, pero saber que xogadoras e club teñen que construír xuntos un proxecto, construír a súa historia, resulta moito máis enriquecedor” dixo Vanessa, que tamén agradeceu a confianza depositada polo CD Burela FS. “Aínda que tiven outras propostas de España, a seriedade e organización deste club fixéronme tomar a decisión”.

Cun brillante percorrido no Brasil, a xogadora comeza a súa etapa no fútbol sala español moi motivada: “Nos primeiros contactos que tiven coas miñas novas compañeiras, sentín que podo adaptarme ben ao xogo do Burela FSF. Comecei a construír a miña traxectoria no Brasil, con éxito, e espero continuar nunha boa liña e conseguir o respecto deportivo en España”, concluíu Vanessa, que tamén agarda contribuír coa súa loita para poder chegar á Copa de España e realizar un bo papel.

Pola súa banda, José Ramón González Casas congratulouse pola chegada de Vanessa como “un reforzo necesario para manter a boa tempada do Burela FSF, que achegará frescura, xuventude e forza”.

A de Vanessa é a segunda incorporación do Burela FSF no mercado de inverno, xunto á ala-peche Milena Gasparini, do Kindermann Caçador.

Exit mobile version