Site icon Crónica3.com A Mariña

A iniciativa “Dándolle a volta” do Observatorio de A Mariña pola Igualdade chegou a uns 600 escolares

Nota de prensa

O PROXECTO “DÁNDOLLE A VOLTA”, REALIZADO POLO OBSERVATORIO, CHEGA AO SEU FIN DESPOIS DUNHA EXCELENTE ACOLLIDA

Con este proxecto, parcialmente financiado pola Obra Social de La Caixa, o Observatorio da Mariña pola Igualdade desenvolveu actividades a prol da igualdade con case 600 escolares de secundaria de nove IES da Mariña

Un dos resultados finais foi o blog http://dandolleavolta.blogspot.com escrito polo alumnado participante no proxecto

O Observatorio da Mariña pola Igualdade pecha o ano finalizando o proxecto “Dándolle a Volta”, que abordou nos diferentes IES da Mariña as desigualdades existentes entre homes e mulleres na sociedade actual. Para este proxecto, o Observatorio contou coa colaboración da Fundación Obra Social La Caixa, organismo que financiou parcialmente as actividades achegando 9.700 euros, con cargo á súa convocatoria de 2009 de proxectos de acción social.

“Dándolle a Volta” estivo dirixido ao alumnado de educación secundaria e bacharelato e o seu obxectivo principal foi favorecer e proporcionar un coñecemento crítico sobre os mecanismos de transmisión de roles e estereotipos na sociedade que nos leven a identificar as causas da violencia de cara as mulleres, os modos nos que se dá e as posibles abordaxes para traballar a súa prevención. O proxecto tivo o seu xermolo na campaña “Dálle a Volta”, levada a cabo durante o curso escolar 2008/2009 ao longo de toda a comarca da Mariña, co obxectivo de favorecer a sensibilización e o sentido crítico entre o alumnado respecto ás desigualdades existentes entre homes e mulleres na sociedade actual. Foi a raíz desta campaña cando o Observatorio decidiu facer un traballo a medio-longo prazo para, desde o ámbito educativo, traballar a prevención de actitudes e comportamentos sexistas, nacendo así os obradoiros “Dándolle a Volta”.

Os obradoiros, pioneiros na comarca, constaron dun total de cinco módulos: a construción da identidade de xénero, os roles e estereotipos sexistas, a análise dos medios nos que nos socializamos, a violencia nas relacións e un último módulo adicado á construción do blog http://dandolleavolta.blogspot.com por parte do alumnado, no que foron plasmando as súas impresións sobre o aprendido. O blog resulta certamente un bo reflexo das actitudes de xénero respecto da violencia por parte da mocidade mariñá.

Neste trimestre escolar que acaba de finalizar un total de 9 IES da Mariña se beneficiaron dos devanditos obradoiros, chegando a un total de case 600 alumnos e alumnas. Os IES participantes foron o IES Perdouro e IES Monte Castelo (Burela), IES Marqués de Sargadelos (Cervo), IES de Foz, IES de Alfoz-Valadouro, IES Dionisio Gamallo Fierros e IES Porta da Auga (Ribadeo), IES San Rosendo (Mondoñedo) e IES Enrique Muruais (A Pontenova). Cómpre sinalar que os IES Vilar Ponte (Viveiro) e o IES Illa de Sarón (Xove) tamén mostraron interese en participar no proxecto pero a compatibilidade de horarios non foi posible. Polo tanto, o obxectivo do Observatorio de intentar chegar ao máximo de centros posibles viuse totalmente cumprido ao chegar a case a totalidade dos IES Mariñáns.

Aproveitamos para lembrar que aínda se pode visitar no CENIMA (Foz), até o vindeiro día 3 de xaneiro, a exposición “Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres”, da Fundación Galiza Sempre, en horario de luns a venres de 9h a 15h e de 17h a 20h e os sábados de 10h a 14h e de 16h a 21h. Así mesmo, a programación cara o vindeiro semestre – que inclúe diversas charlas-café, a II Escola de formación feminista Corona González, a primavera feminista, etc. – xa se atopa case pechada.

Exit mobile version