Nota de prensa:
JOZI: ‘ESTE TÍTULO É UNHA CONQUISTA HISTÓRICA PARA O BRASIL, PARA A SELECCIÓN E PARA MIN COMO DEPORTISTA
A gardameta internacional Joziane de Oliveira, Jozi, regresou onte aos seus adestramentos co Burela FSF Pescados Rubén pletórica, tras proclamarse campioa co Brasil no I Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino, que tivo lugar en Madrid a semana pasada. “A pesar de non ser favorito, o combinado brasileiro puido demostrar a calidade do seu grupo, no primeiro mundial onde se reuniron as maiores forzas do fútbol sala. É unha conquista histórica para o Brasil, para a selección feminina e para min como deportista” confesou Jozi, agradecendo a titularidade de toda a cita.
Afastada xa do ambiente competitivo e cos nervios máis temperados, Jozi analizou o paso da ‘canarinha’ polo mundial. “Con Venezuela e Tailandia (14-0), Brasil demostrou a súa madureza como selección; aínda así ambas as dúas xogaron ben e crearon perigo e nós tivemos que aplicarnos durante todo o partido” dixo a meta laranxa, que tamén incidiu no punto de inflexión que supuxo o encontro da fase co combinado luso: “Con Portugal (2-2), Brasil xogou mellor, pero sobrou relaxación e faltou concentración. Este foi o golpe de realidade que precisabamos para manter os pés no chan”. “Con Rusia (4-0) conseguimos facer todo o que nos pediu o adestrador; estivemos concentradas e non demos oportunidades. Foi a actitude perfecta para afrontar a final e gañarlles ás lusas (5-1)” puntualizou Jozi.
A burelista tamén falou do papel de España nesta cita, loando a súa calidade. “Talvez o que lle faltou a España foi un tropezo na fase, como nos aconteceu a nós, para meterse de cheo na competición. Chegou ás semifinais superando a Portugal en calidade técnica e táctica, pero as lusas foron máis aplicadas en loita e corazón e iso definiu o xogo”, explicou a brasileira.
Para a porteira laranxa, o encontro de Madrid reafirma a boa saúde do fútbol sala feminino: “Hai tempo que o fútbol sala feminino é unha modalidade consolidada. No entanto, a organización deste torneo e a participación da FIFA contribúen á difusión e coñecemento internacional deste deporte en todos os estamentos, dende o patrocinio ata a práctica amateur”, concluíu Jozi facendo referencia ao “excelente papel” de todas as seleccións.