Nota de prensa
A DIRECCIÓN XERAL DE EMERXENCIAS E INTERIOR ALERTA DUN FENÓMENO ADVERSO DE NIVEL LARANXA NA COSTA DA CORUÑA E LUGO
* Producirase mar moi grosa e vento do noroeste que poderá superar a Forza 8 no suroeste coruñés e na zona da Mariña lucense
* Recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoprotección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar
Santiago, 8 de decembro de 2010.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza alerta dun episodio de meteoroloxía adversa por fenómenos costeiros de nivel laranxa que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Lugo a partir de mañá, xoves 9 de decembro.
Segundo as predicións de da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), no suroeste da provincia da Coruña haberá mar moi grosa con vento do noroeste que poderá superar a Forza 8 a partir das 04.00 horas do xoves.
Igualmente, na zona da Mariña lucense tamén haberá mar moi grosa con ventos do norte e do noroeste de Forza 8, que comezará a partires das 10.00 horas de mañá.
Así, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos costeiros das zonas afectadas, aos organismos das administracións estatais, locais e autonómicas, aos servizos provinciais de Protección Civil da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Tamén, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoprotección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.